Cando a denuncia vai para o "caixón"

Wait 5 sec.

Aínda se escoita, en moitas ocasións, nestas datas, iso de "Ano novo, vida nova". Pode ser que, efectivamente, chegue a suceder nalgún caso, pero, na maioría, e por máis que se pretenda o contrario, o novo ano adoita ser unha continuidade dos anteriores, con algunha vicisitude nova, mellor ou peor, certo, pero, en termos xerais, como cantaba Julio Iglesias, "La vida sigue igual". Por desgraza, isto tamén se fai extensivo á violencia de xénero, e se rematamos o 2025 cunha cifra dantesca de case 50 mulleres asasinadas, ademais, por suposto, das vítimas de numerosas agresións machistas, que, por sorte, conservaron a vida, pero que elevan a cifra de vítimas considerablemente, sen esquecer, por suposto, as que nunca chegan a coñecerse, ben porque non se contabilizan como tales, ou ben porque a vítima non chega a denunciar, o 2026 non semella ir por mellores derroteiros, cun goteo incesante de mulleres agredidas, nalgún caso con resultado de morte. Ningún caso, obviamente, é menos importante ou menos tráxico que os anteriores, pero si máis indignante, se cabe, aqueles nos que a vítima si tiña denunciado, malia o cal non se fixo absolutamente nada para protexela (e estamos a falar tan só dos que chegan a saberse, porque... en fin, a bo entendedor... E dentro dos que si chegan a coñecerse, temos o acontecido en Las Palmas hai tan só uns días, tras a aparición dunha parella morta e saberse que existían antecedentes de violencia de xénero. A muller si tiña denunciado a súa parella, e, de feito, foi incluída no programa de "protección" VioGén (e non, non se me escaparon as aspas sen querer), malia o cal, un bo día, alguén, a saber quen, e a saber por que, tomou a "sensata" decisión de arquivar a denuncia, coma se fose unha prenda pasada de moda que, ao facer o cambio de armario, se agocha atrás de todo, ou ben dobradiña no rincón máis recóndito, porque nunca máis vai ser utilizada. Fóra canto antes. Ao caixón, que aí está ben, pechadiña e a bo recaudo. Ningún tipo de seguimento nin á vítima, nin ao agresor, nin, menos aínda, protección algunha para a primeira, para que molestarse? Malo será, coma sempre, que pase algo irreparable, e, se pasa, minuto de silencio, discurso de "consternación", e a outra cousa... Será por mulleres! Ademais, nestes casos, a cortina de fume está garantida. A ninguén lle interesa furgar no lixo, non si? Unha vez máis, a impunidade foi o aliciente perfecto, pero non soamente para o presunto asasino, senón tamén para aqueles que non cumpriron co seu deber de protexer, ou, alomenos, preocuparse por esa muller, porque, por máis que de portas adentro se saiba, xa sabemos, e perdoade a expresión se non soa demasiado ben, pero que se axusta perfectamente á realidade, "can non come a can". Pódese, creo, dicir máis alto, pero non máis claro. E, ao fío disto, permitídeme que vos conte, ata onde é posible, por suposto, un caso que nos chegou a Si, hai saída, non hai tanto tempo. Unha muller que, demostrando unha gran valentía, despois de anos e anos de soportar ameazas, aldraxes, vexacións, faltas de respecto, violencia verbal de todo tipo, etc., etc., etc., decidiu, reitero, moi valentemente, que xa non máis, que o seu inferno tiña que rematar. Vou tentar resumir todo o posible o seu calvario posterior á denuncia, porque teriamos para folios e máis folios. O "infalible" VioGen arroxou unha valoración de risco medio, cunha orde de afastamento, que lle foi concedida, máis un seguimento telefónico, ou mesmo visitas aleatorias como prevención, e acompañamento no caso de necesitar acudir á sede xudicial, ou a realizar outra serie de trámites. Aclaro, porque é algo moi importante, que esta muller, tras o seu matrimonio, nunca traballou porque el non llo permitiu, polo cal non dispón de ingresos propios de ningún tipo, nin de vivenda, no caso de abandonar a conxugal, xa que pertence á familia do seu xa ex marido, polo que lle "permitiron" instalarse "de momento e de xeito provisional" nunha segunda vivenda, tamén deles, na que está residindo actualmente, polo que, de inmediato, tras denunciar, acudiu aos Servizos Sociais para tentar conseguir unha alternativa habitacional, ou ben algún tipo de axuda económica para tentar alugar unha vivenda. Así mesmo, solicitou a asistencia dun avogado da quenda de oficio, xa que, evidentemente, non se pode permitir o luxo de contratar a ningún. Todo isto aconteceu hai un ano, máis ou menos. Pois ben, ao longo deste ano, a orde de afastamento foi quebrantada en varias ocasións, que foron denunciadas, sen que se tomara medida ningunha ao respecto. O seu acosador, porque é o que é, continúa intimidándoa continuamente, lembrándolle que está aí con infinidade de "detalles". Do seu avogado xa nin se lembra, xa que, desde unha primeira toma de contacto, no momento no que lle foi designado, que non durou nin media hora, nunca máis volveu a velo. Tentou contactar con el vía correo electrónico, trasladándolle que estaba moi asustada polas continuas ameazas, sen obter resposta, como tampouco as obtivo tras varias chamadas telefónicas, nas que sempre lle saltou o contestador e que nunca tiveron resposta. No que atinxe aos Servizos Sociais, máis do mesmo. Trámites e máis trámites que non rematan nunca, pero que non dan resultado de ningunha clase, e, tras ser declarada consumidora vulnerable (obvio), algo como un corte dalgunha subministración básica, como luz ou gas, ou ambos, malia a súa condición e a prohibición expresa do goberno, que xa non deberían producirse, baixo ningún concepto, pero, xa no peor dos casos, de suceder, como ten pasado, deberían ser resoltos en 24 h. como moito, se están demorando ata 3 meses!, co conseguinte risco que isto implica para a súa saúde, xa seriamente prexudicada, tanto física como emocionalmente, todo por non enviar un escrito á comercializadora desde estes servizos, como lles está xa non a indicar, senón a pregar, limitándose a chamadas telefónicas, cando todos sabemos que iso ten a mesma efectividade que pretender ter unha conversa coherente na torre de Babel. A explicación? Mutismo total, ou ben, cun pouco de sorte, que sempre se fixo así, e, xa se sabe, os Servizos Sociais seguen ancorados nos seus principios de hai a saber cantos anos, sen ter en conta para nada os cambios que a problemática social foi tendo. Para que? É moito máis cómodo seguir instalados na súa xestión "garantista", e, se dá resultado, ben, e, se non, pois tamén, que eles, en calquera caso, van cobrar o mesmo a finais de mes. E que quede claro o meu respecto aos traballadores sociais, porque descoñezo se son as directrices que se lles impoñen e que non meto a todo o mundo no mesmo saco, pero o que é, é. Desesperada totalmente, tras unhas "festas" de Nadal para esquecer, o mesmo que aconteceu no verán, acudiu a nós hai tan só uns días, que, naturalmente, procederemos a denunciar todo isto, pero, aínda sendo sumamente optimistas, e dando por sentado que as nosas xestións sirvan de algo, non vai ser a curto prazo, nin moito menos, e, namentres, que vai ser desta muller? Aterrorizada, nunha situación de risco máis que evidente, pasando necesidade, e nós, por desgraza, agás denunciar, acompañar, escoitala, e estar con ela canto poidamos, pouco máis podemos facer, xa que non temos recursos, e, por máis que algún e algunha pense o contrario, en Si, hai saída non temos ningún tipo de subvención, nin de axuda de ningún tipo, nin, por suposto, se lle cobra a ninguén. De aí, precisamente, que molestemos tanto e a tantos. O peor de todo? Que perdeu, como é lóxico, as ganas de seguir loitando, que chegou a ese punto de indefensión aprendida, do que tanto falan, por certo, no eido do traballo social, pero que non teñen para nada en conta. Valga como mostra dicir que, durante todas as festas de Nadal, de todos sabido, de máximo risco, especialmente para unha persoa nunhas condicións tan precarias, non recibiu nin unha sinxela chamada telefónica interesándose por ela, nin duns, nin doutros, porque, unha vez máis, do que non se fala, non existe. É tal a sensación de impotencia, de dor... Non sei xa nin que dicir, porque 11 anos despois de comezar a nosa andaina, non soamente non se ve melloría algunha, senón que imos de mal en peor. Ninguén dubida en utilizar as vítimas de violencia de xénero, nin, en xeral, a todos cantos se encontran en situación de vulnerabilidade, cando se trata de obter rendemento deles, pero, unha vez obtido, volta ao esquecemento, como quen tira ao lixo un trasto que xa non lle resulta de utilidade. Esta é a realidade do que se agocha realmente tras as pretendidas axudas de todo tipo, tanto ás vítimas de violencia de xénero como, en xeral, a todos os colectivos de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social. Pero, como, lamentablemente, pasa a miúdo, a desgraza de moitos serve de ledicia para unhas cantas mentes retorcidas, polo que agardamos que esta realidade sirva para tranquilizar un pouco aos que tanto critican as "paguiñas", e aos que convidaría a que, durante tan só uns días, vivisen na pel destas persoas. O mesmo se pechaban moitas bocas. Asociación Si, hai saída