A Xunta impulsa con cinco millóns de euros a nova planta de linguado de Aquacría Arousa en Cambados

Wait 5 sec.

A Xunta acaba de dar luz verde á concesión de 59,5 millóns de euros en axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), destinados a apoiar 206 proxectos acuícolas en Galicia. Aínda que a cifra é importante, boa parte deste orzamento concentrarase en tres grandes iniciativas clave para o sector, entre elas, un proxecto destacado en Cambados: a nova planta de cultivo de linguado de Aquacría Arousa, do grupo Sea Eight, que se construirá en Bico da Ran, na parroquia cambadesa de Castrelo. O proxecto de Aquacria Arousa contará cunha axuda de case 5 millóns de euros para modernizar e construír unha nova planta de cultivo en circuíto pechado (sistema RAS) de linguado. Este paso permitirá á empresa duplicar a súa capacidade de produción, pasando de 450 a 900 toneladas anuais, con vistas a completar as obras en 2027. A nova infraestrutura sumará 7.000 metros cadrados aos 5.000 xa existentes, nun recinto de 38.000 metros cadrados. Ademais, crearanse 25 novos postos de traballo. Galicia é xa unha potencia europea en acuicultura, con máis de 2.600 empresas en activo, que este ano superaron os 200 millóns de euros en facturación e xeran 5.600 empregos directos. "A acuicultura é un dos motores da economía galega", apuntou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, subliñando o seu papel fundamental na seguridade alimentaria e o desenvolvemento socioeconómico do territorio. E o futuro promete aínda máis xa que segundo o informe SOFIA da FAO (a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), a produción acuícola superou en 2024, por primeira vez na historia, á pesca extractiva a nivel mundial. Un dato que confirma que este sector non só é clave para Galicia, senón tamén para o abastecemento alimentario global.