Arranca a tramitación para ampliar o parque empresarial do Campiño

Wait 5 sec.

O Consello da Xunta deu luz verde este luns ao comezo da tramitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE) para a ampliación do parque empresarial do Campiño. A actuación contempla un incremento de 160.044 metros cadrados de superficie, o que supón un 46 % máis respecto ao tamaño actual, e contará cun investimento estimado de 11,6 millóns de euros. A ampliación, promovida pola sociedade pública Xestur, enmárcase no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, e responde á crecente demanda de solo industrial na comarca de Pontevedra, onde o actual polígono -con 343.291 metros cadrados- xa non dispón de espazo libre. Con este paso, o proxecto entra agora en fase de avaliación ambiental estratéxica, proceso no que se deberá emitir un informe preceptivo nun prazo máximo de tres meses. A aprobación inicial do plan está prevista para o primeiro trimestre de 2026. A actuación forma parte dunha estratexia máis ampla impulsada pola Xunta de Galicia para ampliar a oferta de solo industrial na comarca, con proxectos en marcha que permitirán sumar 624.854 metros cadrados adicionais. Entre eles, destaca tamén a reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas, cunha superficie de 86.963 metros cadrados, que se sitúa xunto ao parque do Campiño e ao polígono da Reigosa. Así mesmo, atópase en fase inicial de tramitación o PEOSE do parque empresarial de Fragamoreira, no municipio de Poio, cunha extensión prevista de 373.415 metros cadrados. Con estas actuacións, a Xunta reforza o seu compromiso co desenvolvemento industrial da provincia, facilitando espazos para a implantación de novas empresas e o crecemento económico no territorio.