A tradición oral galega cobrará vida este sábado na sede da Fundación Manuel Moldes da man de Viravolta Títeres, unha das compañías teatrais máis veteranas de Galicia. O espectáculo "A regadora do asubiote" servirá de ponte entre o patrimonio cultural inmaterial e as novas xeracións nun encontro gratuíto e aberto a todos os públicos. Viravolta Títeres, formada en 1982 por Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado, achega á capital pontevedresa máis de 40 anos de experiencia na recuperación e difusión do teatro de marionetas. A compañía conta cun amplo repertorio de máis de 30 obras que van dende animacións de rúa ata espectáculos de gran formato, nos que combinan marionetas con música de cámara ou tradicional. "A regadora do asubiote" presenta tres contos "clásicos populares" que, aínda que pertencen á cultura universal, contan con destacadas versións en galego tanto de Galicia como do Bierzo. Os relatos, coñecidos con diversos nomes como "a mata de alfabaca", "a pastora e o fillo do rei" ou "Flore e Flora", comparten como eixo común unha protagonista decidida que co seu inxenio pon no seu lugar a un príncipe burlón e rancoroso. Esta proposta escénica ten a súa orixe na oralidade, en historias relatadas en milleiros de ocasións por voces de distintos lugares e culturas, convertíndose nun testemuño vivo da riqueza do patrimonio narrativo galego. A cita será este sábado 11 de outubro ás 19:00 horas na sede da Fundación Manuel Moldes (acceso por rúa Javier Puig, 1, 8º andar), con entrada libre.