Xosé Álvarez Castro recibirá o IV Salvoconduto de Honra do Colectivo Capitán Gosende

Wait 5 sec.

O mestre e investigador Xosé Álvarez Castro, máis coñecido como Pepe Álvarez, converterase no cuarto galardoado co Salvoconduto de Honra que outorga o Colectivo Capitán Gosende. A cerimonia de entrega celebrarase o sábado 18 de outubro ás 12.00 horas no Campo das Laudas, en Meilide-Cerdedo, seguida dun xantar de confraternidade en Forcarei ás 14:30 horas. O colectivo destaca como motivo da distinción os "méritos abondos a prol de Galicia e da galeguidade" do homenaxeado, expresando así o seu "afecto, admiración e gratitude" cara a unha figura que se converteu en referencia no estudo e divulgación da represión franquista posterior á Guerra Civil. Álvarez Castro únese a unha selecta lista de personalidades que xa recibiron este galardón: a poeta e activista Luz Fandiño (2017), o mestre, músico e investigador Baldomero Iglesias "Mero" (2023) e o mestre, poeta e escritor David Otero (2023). O vínculo entre o investigador e o colectivo remóntase aos inicios da organización. Fundado o 1 de abril de 2012 por un grupo de persoas comprometidas coa conservación do patrimonio natural, cultural e a Memoria Histórica da Terra de Montes, o Colectivo Capitán Gosende contou desde o primeiro momento co apoio de Pepe Álvarez. Licenciado en Xeografía e Historia e máster en Educación Ambiental, Álvarez Castro é autor de obras fundamentais como "Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)" (2013), "Mourente nos anos do medo" (2016) e "Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)" (2022). O seu labor investigador foi recoñecida en 2011 coa concesión do VI Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica, outorgado pola Fundación Alexandre Bóveda. Mantén activo desde 2008 o blog "Pontevedra nos anos do medo" e colabora habitualmente no xornal Nós Diario.