O Concello de Sanxenxo lanzou o seu Obradoiro de Samaín máis monstruosamente divertido para os días 31 de outubro e 3 de novembro, coincidindo con dúas xornadas escolares non lectivas. O obxectivo é que a rapazada o pase de medo mentres as súas familias traballan tranquilas. Tal e como explica a concelleira de Educación, Nati Parada, "a idea é proporcionar unha actividade lúdica á rapazada do municipio e facilitar ás familias que traballan unha opción de conciliación". Este plan vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e celebrarase no pavillón de Nantes, de 9:00 a 14:30 horas. Os 75 rapaces que consigan praza participarán nun Obradoiro de máscaras e disfraces caseiros para camuflarse entre os monstros. Tamén practicarán a Cociña monstruosa con receitas tan terroríficas que dan ganas de repetir. Ademais, haberá unha Gymkana do terror, con retos para espertar á cabaza máxica que protexe ao pobo do temido Samaín. Gozarán dun Taller de pocións máxicas, da Procura de cabazas encantadas e, como colofón, un ferión terrorífico con tiro á cabaza, pesca de arañas, atrapa a pantasma, retos da momia e un cubo de pócimas burbullantes. O prezo do taller é de 10 euros, e as inscricións realizaranse do 14 ao 27 de outubro ás 9:00 horas, a través da sede electrónica de Terra de Sanxenxo. Se o tempo acompaña, algunhas actividades tamén se farán ao aire libre.