As goleadas no deporte base, unha derrota colectiva

Wait 5 sec.

A pasado fin de semana vivimos unha situación que debería facernos reflexionar como sociedade: un equipo cadete feminino, do Salgueiriños CF, perdeu por un marcador de 29-0 no seu primeiro partido de liga. Coido que non se trata de sinalar ao equipo rival por respecto ás súas xogadoras, pero si denunciar que este tipo de resultados non son anecdóticos, son profundamente prexudiciais e sintomáticos de que algo non funciona no deporte base, e por responsabilidade temos que correxilo entre todos e todas os que formamos parte do mesmo. As goleadas excesivas non achegan nada positivo. O equipo gañador non aprende nada novo e o perdedor pode sufrir unha perda de autoestima difícil de xestionar a esas idades (12-15 anos). Preocúpame moito que este tipo de experiencias, mal xestionadas, poidan provocar o abandono deportivo en idades temperás, especialmente entre as nenas, que xa afrontan máis barreiras sociais para manterse activas no deporte. Perder o interese ou sentirse humilladas non debería ser nunca unha consecuencia de practicar deporte. Desde as Federacións, Clubs, Adestradores/as e Familias debemos contribuír a crear un entorno seguro, educativo e saudable. A competición non pode estar por riba da formación. É fundamental ensinar a gañar con humildade, a perder con dignidade, e sobre todo, a respectar sempre ao rival. Teño moi claro que a responsabilidade non recae nas xogadoras que marcan e gañan por goledas desproporcionadas, pero si en quen debería saber cando parar. Por sorte, son moitos clubs, directivos/as, referentes do deporte, etc, que nos amosaron o seu malestar e apoio, e eso demostra que é posible un cambio. Resalto con ledicia que as xogadoras do Salgueiriños déronos unha lección de fortaleza e superación a todos e todas, grazas ao apoio incondicional das súas familias e á mensaxe construtiva do seu adestrador, foron quen de transformar unha derrota dolorosa nunha aprendizaxe valiosa, porque iso tamén é deporte. Por tal motivo, escribo esta carta non como unha crítica destrutiva, senón como unha chamada urxente á reflexión colectiva. Non podemos permitir que o fútbol feminino que tanto esforzo require para medrar, repita os mesmos erros que xa se cometeron no masculino. É o momento de marcar límites e deseñar estratexias que eviten estas situacións, só así construiremos un futuro máis xusto, inclusivo e respetuoso cos nenos e nenas que cada fin de semana saen ao campo para desfrutar, aprender e medrar como persoas.