Asume 22 anos despois o "grave erro" arbitral que privou o Pontevedra de eliminar o Celta na Copa

Wait 5 sec.

Pasaron xa 22 anos daquela tarde-noite pero para moitos afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol está aínda na retina. Os granates, en Segunda B, recibían en Pasarón o Celta de Vigo nos 1/32 de final da Copa do Rei 2003-2004. Un encontro que os granates, adestrados por entón por José Aurelio Gay e que acabarían ascendendo esa campaña a Segunda División, tiveron na súa man eliminar o seu poderoso veciño celeste que competía na máxima categoría. Adiantáronse cun golazo de Manu Busto no minuto 6, empatando o Celta antes do desconto por medio de Jandro. O duelo, igualado ao máximo, chegaría á prórroga. Uns minutos extra nos que Capdevila lograba anotar tras aproveitar un rebote pola presión do 'Rifle' Javi Rodríguez á saída de balón visitante. A afección estalaba de xúbilo, pero o colexiado do aquel partido anulaba o tanto por un fóra de xogo a todas luces inexistente. Era o minuto 115 de partido. Ese árbitro era o coñecido Iturralde González e o que levantou a bandeira na banda era a súa aínda máis mediático asistente, Rafa Guerrero. A eliminatoria acabaríase decidindo na quenda de penaltis cunha parada de Pinto ao capitán granate Padín, no último lanzamento, que suponñia a eliminación local. Agora, 22 anos despois, o resumo daquela elimatoria con imaxes da TVG foi difundido de novo por un tuitero pontevedrés (@MMacroski) provocando unha serie de reaccións. Unha delas, tras unha publicación da conta @GolSinVAR, foi a do protagonista daquela decisión, o propio Rafa Guerrero. O árbitro asistente, xa retirado pero que se mantén moi presente nos medios de comunicación, recoñeceu o "grave erro" comentido aquel día no Estadio Municipal de Pasarón. Un fallo que pasou á historia do club granate. 🙏🏼🙏🏼Grave error.🙏🏼🙏🏼 — Rafa Guerrero ★🟥🟨🤷🏻‍♂️ (@LaLigaDeRafa) October 8, 2025