Caldas inicia a colocación de medio millón de luces de Nadal

Wait 5 sec.

O Concello de Caldas xa está a traballar para que este Nadal a vila brille coma nunca. A colocación das luces comezou esta semana co obxectivo de ter todo listo para o gran acendido oficial, que se celebrará na última fin de semana de novembro. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, anunciou que este ano haberá arredor de medio millón de luces LED repartidas en máis de 200 arcos e elementos decorativos, cunha iluminación eficiente e sostible que dará vida a rúas e prazas. Segundo Fariña, a decoración incluirá novos deseños e elementos sorprendentes, que farán de Caldas "un verdadeiro espectáculo" durante estas festas. Como xa se fixo o ano pasado, o acendido celebrarase cunha festa especial con música e sorpresas, pensada para dar a benvida ao Nadal cun ambiente alegre e acolledor, tanto para a veciñanza como para os visitantes. A empresa ElectroMiño é a encargada de instalar o sistema, que cun consumo de máis de 15.000 watios iluminará cada recuncho da vila cunha tecnoloxía LED eficiente e respectuosa co medio ambiente. Inauguración da iluminación de Nadal en Caldas 2024 Concello de Caldas Ademais de engalanar Caldas, o Concello busca que esta iluminación sirva tamén para dinamizar o comercio local, animando á xente a saír, pasear e facer as súas compras nos negocios da zona. As luces permanecerán acesas ata o Día de Reis, mantendo viva a ilusión durante toda a tempada. Para completar a ambientación, celebrarase unha nova edición do 'Concurso de Decoración de Rúas do Nadal', que premiará, por terceiro ano consecutivo, o esforzo e creatividade dos participantes con vales compra nos establecementos de Caldas.