A creación da nova área recreativa de A Chan, en Cerdedo-Cotobade, poderá ser unha realidade unha vez que acaba de recibir o apoio de todos os grupos políticos. O pleno da Corporación aprobou por unanimidade a proposta presentada polo alcalde, Jorge Cubela, e polo grupo municipal do PPdeG. O proxecto supón un investimento total de 836.424,51 euros e pretende dotar á contorna dun espazo natural e de lecer moderno, accesible e sostible. Para poder facelo realidade será preciso expropiar unha superficie aproximada de 15.000 metros cadrados, situados nas inmediacións do río Almofrei, un dos enclaves naturais máis emblemáticos do municipio. A actuación estrutúrase en dúas áreas principais: unha zona superior, próxima á estrada PO-233, que incluirá unha pequena praza de encontro veciñal con pavimento de granito e integración coas conexións e sendeiros existentes; e unha zona inferior, máis próxima ao río, que contará con novos sendeiros naturais, zonas de merendeiro, parque infantil, espazos biosaludables, áreas arboradas con especies como ginkgos, álamos e castiñeiros, e un espazo polivalente para concertos, exposicións e actividades culturais. O proxecto foi redactado pola Oficina de Arquitectura, Urbanismo e Planificación (OAU) e presentarase á convocatoria do Plan Provincial Extraordinario 2025 (Plan Extra 2025) da Deputación de Pontevedra. O Concello pedirá á Deputación unha subvención por importe de 669.139,61 euros, o que representa o 80 % do custo total da actuación. O acordo plenario tamén inclúe a delegación na Alcaldía das competencias para a aprobación definitiva do proxecto e a contratación das obras correspondentes. Jorge Cubela salientou no pleno que "esta actuación non é un proxecto illado, senón parte dunha estratexia integral de revitalización da parroquia de Carballedo", onde o Concello está a concentrar boa parte dos seus investimentos. O Concello está a tramitar un novo proxecto estratéxico: a creación dunha senda fluvial que conectará a área recreativa de A Chan co enclave natural do Pozo Negro, un percorrido de gran valor paisaxístico e ambiental que permitirá gozar dun entorno único ao carón do río Almofrei. O rexedor fixo tamén un chamamento á veciñanza para acompañar e apoiar esta iniciativa, destacando que "a participación cidadá é fundamental para que a voz de Carballedo se escoite con forza neste proceso decisivo de transformación e futuro común".