O Pazo provincial de Pontevedra acolle dende este xoves unha mostra de banda deseñada que reúne os traballos gañadores desta categoría nos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024. A inauguración correu a cargo do deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, quen destacou o gran nivel creativo da mocidade da provincia. A exposición recolle once obras elaboradas por nove mozos que dan mostra dun talento artístico que non para de medrar. Eles son: Ánxel Carramal Fernández, Sabela Domínguez Costa, Lucía Rodríguez Cid, Icíar Paz Alonso, Manuel Alejandro Vázquez Búa, Andrés Chinchilla Argibay, Denis Carballas Riveiro, Eva Pena Fandiño, Enrique Rabadán Torres. Poderase visitar ata o 31 de outubro, de luns a venres, en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas na entrada do propio Pazo provincial. Cubela sinalou que esta mostra "celebra o talento xuvenil da nosa provincia" e destacou que a categoría de banda deseñada foi a que máis creceu na última edición dos premios, cun incremento do 100% no número de traballos presentados respecto ao ano anterior. "É unha mostra clara do impacto e a consolidación destes premios no noso territorio", apuntou. As obras expoñen temas tan diversos como a soidade, a superación persoal, a memoria das persoas maiores, a igualdade ou incluso relatos de terror. Algunhas propostas xogan tamén con liñas temporais múltiples, que se poden seguir de forma simultánea ou independente, engadindo un toque narrativo moi orixinal. Para rematar, o deputado cualificou esta mostra como "unha das máis singulares e especiais" organizadas no Pazo, destacando que "estas once historias amosan a enorme creatividade da nosa mocidade". Ademais, non dubidou en definir ás e aos nove artistas como "un exemplo de talento e emprendemento artístico" e animou a seguir creando e compartindo o seu traballo.