A concelleira de Urbanismo de Poio, Rocío Cochón, destacou este xoves que o futuro Parque Empresarial de Fragamoreira representa "unha oportunidade histórica" para o municipio e un exemplo do impulso dado polo actual goberno local a proxectos estratéxicos. As declaracións prodúcense despois da reunión mantida esta semana entre a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o alcalde, Ángel Moldes; e representantes do tecido empresarial de Poio, na que se anunciou o inicio da tramitación do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), paso previo á creación do polígono. Cochón recordou que o PP "sempre apoiou a construción do Polígono, da man de veciños e empresarios", e afirmou que a construción do Parque Empresarial era "un piar do programa de goberno". Tamén rexeitou as críticas da oposición dicindo que "os que deberían pedir perdón son BNG e PSOE", que "ao longo de dúas décadas fixeron moitas promesas baleiras pero ningún avance". A edil tamén incidiu na importancia do novo contrato da auga, que permitirá garantir o abastecemento e saneamento necesarios para o polígono, ademais de mobilizar máis de 15 millóns de euros en investimentos nos próximos catro anos para mellorar os servizos básicos en todo o municipio. Desde o goberno local, deféndese que este proxecto responde a unha demanda histórica dos empresarios e da veciñanza, e que foi unha das prioridades recollidas no programa electoral. Cochón criticou duramente aos anteriores gobernos municipais (BNG e PSOE) por "non avanzar nada en dúas décadas" e acusounos de bloquear iniciativas clave, como o propio contrato da auga. A urbanización e delimitación das parcelas, segundo explicou, farase en coordinación cos empresarios interesados, co obxectivo de xerar espazos para o crecemento económico, a creación de emprego e o desenvolvemento industrial da comarca.