Nova parada da exposición itinerante Amiríos, un proxecto que fusiona a sensibilización ambiental coa inclusión social mediante a participación activa de persoas con discapacidade intelectual como activistas medioambientais a través da asociación Amicos. Alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullosa participou nesta xornada educativa no paseo do río Verdugo en Ponte Caldelas. A través de xogos e dinámicas, coñeceron o ciclo da auga, o funcionamento dos ecosistemas fluviais e as boas prácticas para un consumo responsable. As actividades foron guiadas polos axentes medioambientais de Amicos, persoas con discapacidade que exercen un papel protagonista na defensa do medio ambiente. Escolares do CEIP Manuel Cordo Boullosa con integrantes de Amicos realizan unha actividadeConcello de Ponte Caldelas O alcalde Andrés Díaz mostrou a súa satisfacción pola iniciativa: "estamos encantados de atoparnos hoxe nesta paraxe, a coroa do noso municipio, nunha xornada como esta. Sempre é positivo contar con este tipo de actividades de concienciación sobre os nosos ríos, e máis cando implica a persoas con discapacidade". Patricia Montes, técnica de Conservación Fluvial de Augas de Galicia, destacou a importancia de "implicar e concienciar aos máis pequenos na defensa e protección dos nosos ríos, á vez que coñecen o funcionamento de determinados servizos esenciais como son o abastecemento e o saneamento a través do ciclo da auga". Escolares participan das actividades da exposición AmiríosConcello de Ponte Caldelas A mostra, composta por tótems informativos sobre os retos e riquezas dos ríos galegos, visitou durante setembro e outubro localidades como Ribeira, Caldas de Reis e Boiro, continuando o seu percorrido por Lousame, A Pobra do Caramiñal, Meis e Pontevedra. Ademais da sensibilización, o proxecto inclúe xornadas de voluntariado nos ríos Soñora, Artes, Rego do Tállara, Lérez, Sar e Quintáns, onde as Ecobrigadas de Amicos traballan na restauración da vexetación autóctona e na eliminación de especies invasoras. Participantes na actividade de Amicos no río VerdugoAmicos