A Deputación lánzase á promoción das Rías Baixas con influencers da terra

Wait 5 sec.

A beleza das Rías Baixas chega este outono ás pantallas de case 4 millóns de persoas grazas a unha nova campaña da Deputación de Pontevedra. A institución provincial vén de poñer en marcha unha acción promocional moi especial da man de tres recoñecidos influencers orixinarios da provincia: Alexandra Pereira, Tamara García e Defreds. Esta iniciativa forma parte da campaña "Cando volves?" e está integrada na Estratexia Rías Baixas 61, que busca dar a coñecer, dun xeito próximo e emocional, o mellor da provincia máis alá do verán. Así o explicou o presidente da Deputación, Luis López, que subliñou que se trata dunha acción pensada especialmente para conectar cos novos públicos e potenciar o impacto do destino tanto en España como fóra das nosas fronteiras. "Queremos posicionar as Rías Baixas entre as novas xeracións, inspirar novas visitas e consolidarnos como un destino sostible, auténtico e cheo de experiencias únicas", destacou López. A campaña comezou xa con Tamara García, que suma máis de 800.000 seguidores entre Instagram e TikTok. Esta creadora de contido visitou a zona do Salnés, a Festa do Marisco en O Grove, Vilanova de Arousa e Sanxenxo, compartindo stories e un reel colaborativo que xa están a sumar milleiros de reproducións. A continuación será a quenda de Alexandra Pereira, con 2,6 millóns de seguidores en Instagram. Durante o mes de outubro, Alexandra amosará a zona sur da provincia: Oia, Baiona e A Guarda serán os seus principais escenarios, ofrecendo un enfoque elegante e internacional da nosa contorna. En novembro chegará o momento de Defreds, o popular escritor e creador de contido que conta con 926.000 seguidores. A súa ollada poética centrarase nas comarcas do interior, Terra de Montes e Deza, con visitas á Estrada, Forcarei e Lalín, mostrando unha Pontevedra menos coñecida pero igualmente fascinante. E iso non é todo xa que ata decembro tamén estará activa outra acción promocional a través da conta de Instagram do Náutico de San Vicente, que suma 164.000 seguidores e que continúa ampliando a pegada dixital da provincia. RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL Esta campaña chega nun momento doce para a marca Rías Baixas. "Cando volves?" acaba de ser recoñecida co Delfín de Prata no festival de Cannes, engadindo así o quinto galardón internacional tras os xa acadados en festivais de Cataluña, Xapón, Sudáfrica e Estados Unidos.