O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, cualificou este venres as obras de humanización do tramo urbano da estrada PO-11 en Marín como "un exemplo práctico dos resultados da boa política: a da cooperación". Así o afirmou durante a súa visita á zona remodelada, na que estivo acompañado pola alcaldesa do municipio, María Ramallo. A intervención, recentemente recepcionada polo Ministerio de Transportes, será transferida nos próximos días ao Concello de Marín, que asumirá a súa xestión. Durante o percorrido pola avenida de Ourense, Losada e Ramallo detivéronse na nova rotonda que substitúe ao antigo cruzamento regulado por semáforos, un punto onde se producían frecuentes retencións de tráfico. Segundo destacou o subdelegado, esta infraestrutura mellora notablemente a fluidez da circulación e a seguridade viaria. A actuación contou cun investimento de 1,1 millóns de euros e abarcou un tramo de 1,6 quilómetros, desde a entrada do municipio até o farol da Escola Naval Militar. As obras incluíron a construción da glorieta, a ampliación e mellora das beirarrúas, así como a modernización das redes subterráneas de auga, saneamento e outros servizos básicos. Tamén se renovou completamente o pavimento e instalouse nova iluminación e mobiliario urbano. Losada felicitou tanto ao Concello como á veciñanza de Marín e subliñou o compromiso do Goberno de España con este tipo de actuacións que, segundo indicou, "melloran a calidade de vida nos municipios onde as estradas nacionais forman parte do tecido urbano".