O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Aroa Otero reuníronse recentemente co presidente da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio, Ramón Agulla, acompañado por varios veciños da parroquia, para abordar o "estado de abandono" da praia da Xunqueira e a súa contorna. Desde o grupo municipal do PP lamentan que, "tras máis de dez anos de promesas, anuncios e proxectos" por parte do goberno local, o único que se percibe hoxe é unha praia moi deteriorada, sen servizos básicos nin unha planificación clara para a súa recuperación. Durante a visita, os representantes populares reclamaron a posta en marcha dunha serie de melloras urxentes para devolverlle a vida a este espazo natural. Entre elas, destacaron a necesidade de contar con aseos públicos, zonas axardinadas, espazos con sombra, un aparcadoiro seguro e, sobre todo, un lugar digno onde celebrar as festas da parroquia, incluíndo o local social que, segundo sinalan, correspóndelle a Ponte Sampaio. Outro punto que xera gran preocupación entre os veciños é a anunciada derriba da praza de Ponte Sampaio, confirmado nas últimas reunións entre o Concello e Costas. Segundo o PP, esta medida suporía a perda doutro espazo público moi querido pola comunidade. "Despois de tantas promesas incumpridas, os veciños xa non creen en anuncios sen prazos nin garantías", sinalou Domínguez, referíndose tamén ao último proxecto anunciado polo goberno municipal para "renaturalizar" a contorna do Ulló, que segue sen concretarse. Por todo iso, o Partido Popular esixe ao goberno local do BNG que repoña de inmediato os servizos básicos eliminados en 2020, e que acorde con Costas a presentación dun proxecto completo para A Xunqueira, con prazos e orzamento definidos, e en consenso cos veciños da parroquia. Mentres non comezan as obras, piden ao Concello que poña en marcha un plan de mantemento que evite que a situación siga empeorando.