O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, presentou un informe técnico que estuda a posibilidade de instalar unha tubaxe baixo a rúa José Malvar para axudar a reducir o exceso de auga do rego Valdecorvos durante episodios de choivas intensas. Trátase dun compromiso que o Concello asumira, e que agora empeza a tomar forma, aínda que con cautela. Mosquera quixo ser claro desde o principio: "Non quero crear expectativas que logo non poidan cumprirse", advertiu. Por iso, cualificou esta proposta como unha alternativa complementaria, que pode axudar, pero que non substitúe a outras solucións que xa están sobre a mesa. Para afrontar o problema das inundacións en zonas como a rúa Casimiro Gómez e Pai Fernando Olmedo, cando chove con forza, están a estudarse tres medidas. Serían unha zona inundable no parque de Valdecorvos, con comportas para controlar a auga, dentro da urbanización; outra zona inundable similar entre o CGTD e a rúa José Malvar, xunto á canle canalizada do regato e, a terceira opción é esta tubaxe. A idea é interceptar parte do caudal do rego Valdecorvos ao seu paso pola rúa José Malvar Figueroa, desviándoo mediante unha gran tubaxe que levaría a auga directamente ao río Lérez, á altura da Ponte dos Tirantes. Así se aliviaría a presión sobre as zonas máis propensas a alagarse. O trazado proposto ten as súas complicacións xa que a rúa José Malvar e a Avenida de Bos Aires están cheas de infraestruturas soterradas -tubaxes, conducións, servizos diversos- que habería que sortear. Un dos elementos máis delicados é a tubaxe de abastecemento de Ence, que recolle auga desde a presa de Bora e que cruza xusto por onde pasaría a nova condución. Unha das opcións é que a nova tubaxe, de 1.200 milímetros de diámetro, pase por enriba da existente de Ence. Tras unha simulación informática, estimouse que esta canalización podería evacuar uns 570 litros por segundo, o que representa apenas un 3,63% do caudal do Valdecorvos nun episodio de choivas extremas. O custo estimado desta actuación roldaría os 1,2 millóns de euros. Sería un investimento importante para unha medida que, aínda que non resolve por si soa o problema das inundacións, pode ser un apoio útil dentro dun plan máis amplo e ambicioso.