Non é que teña problemas de efectivos, dado o nivel dos seus equipos inferiores cunha listaxe de talentosos xogadores case interminable, pero o Real Madrid Castilla contará con importantes ausencias no partido de liga de Primeira RFEF que lle medirá ao Pontevedra Club de Fútbol na Cidade Deportiva de Valdebebas (domingo 12 de outubro, 12.00 horas). Entre o Mundial Sub-20 e as lesións o filial adestrado polo exfutbolista Álvaro Arbeloa perdeu a homes importantes no seu esquema. Baste con sinalar como exemplo que un dos futbolistas que non se medirán aos granates é Rachad Fettal, dianteiro polo que o club banco pagou no verán preto de 6 millóns de euros segundo apuntan diversas informacións, ou o que é o mesmo case tres veces o orzamento dos granates. Fettal, tras disputar a primeira xornada de liga lesionouse coa Selección Sub-20, e aínda non cumpriu o período previsto para a súa recuperación. Ademais no Campionato do Mundo que se está a celebrar en Chile hai até seis xogadores da canteira madridista. Con España, que este martes ás 21.30 enfróntase a Ucraína nos oitavos de final do torneo mundialista, atópanse Cristian David, Diego Aguardo, Jesús Fortea, Thiago Pitarch e Fran González. Do resultado desta eliminatoria dependerá finalmente a súa dispoñibilidade. Algún deles, como Fortea, traballa xa en dinámica do primeiro equipo, como tamén o fai o gardameta Fran González que chegou a debutar xa en Primeira División. A estes xogadores súmaselle Benjamín, no Mundial cunha selección italiana que o xoves disputará tamén os oitavos de final, no seu caso fronte a Estados Unidos. Este 'virus FIFA' afectou nas últimas semanas a un Castilla que se atopa en zona de descenso con 6 puntos (dúas vitorias e catro derrotas no que vai de liga), pero que vén de imporse no Toralín á Ponferradina. A AFECCIÓN GRANATE ESTARÁ PRESENTE EN VALDEBEBAS O Pontevedra non estará só en Madrid para medirse ao filial branco, e é que o club granate xa tiña este martes practicamente vendido o lote de 100 entradas enviadas polo Real Madrid para a afección visitante, a un prezo único de 19 euros.