Preto de 200 condutores multados por usar indebidamente prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida

Wait 5 sec.

A Concellaría de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra, a través da Policía Local, está a intensificar a vixilancia das prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. O motivo é que se detectou un uso cada vez máis frecuente e irregular destes espazos, o que afecta directamente ao día a día de quen realmente os necesitan. Desde xaneiro até o 30 de setembro, impuxéronse 198 sancións por este motivo. A concelleira da área, Eva Vilaverde, quixo lanzar unha mensaxe pedindo "empatía e responsabilidade" xa que estas prazas non están aí por capricho, senón porque son imprescindibles para a autonomía de moitas persoas. A ocupación indebida destes aparcadoiros "supón un problema real para o desenvolvemento diario das persoas que si están autorizadas". Actualmente, Pontevedra dispón de 259 prazas reservadas no ámbito urbano —incluídos os barrios de Monte Porreiro e Estribela— e emitíronse unhas 340 tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Das 198 denuncias rexistradas un total de 178 foron por estacionar sen tarxeta válido ou directamente sen tarxeta, mentres que 10 sancións foron por parar tamén sen contar co permiso correspondente, 9 por obstaculizar pasos rebaixados ao estacionar e 1 por obstruir estes pasos ao deter o vehículo. Ademais, a Policía Local interveu 33 tarxetas de estacionamento, das que 18 foron por uso fraudulento, 10 por estar caducadas, 3 por estar caducadas e ademais ser usadas de maneira indebida e 2 eran fotocopias. Entre o 22 e o 26 de setembro, levou a cabo unha campaña específica de control. Durante eses cinco días, os axentes revisaron 305 vehículos aparcados en prazas reservadas. O resultado foi de 18 condutores denunciados, dos que 13 foron sancionados por non ter tarxeta de estacionamento e 5 por usar un tarxeta non válida. Nese mesmo período interviñéronse 5 tarxetas: tres caducadas e dúas, ademais de vencidas, utilizadas de forma fraudulenta. Desde o Concello pídese "responsabilidade e empatía" coas persoas usuarias destas prazas e tamén fai un chamamento a que se manteñan actualizados todos os permisos para que as tarxetas se poidan empregar con todas as garantías.