Celebración do Día das Escritoras con Arantza Portabales, María Oruña e Susana Fortes

Wait 5 sec.

O Salón de Plenos do Pazo provincial, sede da Deputación de Pontevedra, acollerá nas próximas semanas: o peche de Mulleres de Palabra(s) co que a institución festexará o Día das Escritoras, o 13 de outubro ás 20:00 horas, e o II Encontro Pontevedra Literaria, os días 23 e 24 de outubro. O próximo luns porase o broche de ouro ao programa Mulleres de palabra(s), impulsado por vez primeira pola Deputación de Pontevedra no marco do Ateneo Provincial pola Igualdade. Unha iniciativa que ao longo do ano converteu en protagonistas a 15 escritoras de recoñecido prestixio da provincia e reivindicou o labor e o legado literario das mulleres. O programa chegará ao seu fin este luns celebrando o Día das Escritoras da man de Susana Fortes, María Oruña e Arantza Portabales, nun acto no que tamén se desvelarán as súas lecturas recomendadas. PONTEVEDRA LITERARIA A excelente resposta da cidadanía pontevedresa ante a programación do segundo encontro Pontevedra Literaria, que terá lugar o 23 e 24 de outubro coa participación de Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois obrigou a cambiar o lugar de celebración do encontro, que por limitacións de aforo pasa da zona acristalada do Edificio Castelao do Museo a celebrarse no Pazo provincial. Este venres xa estaban cubertas as prazas para a sesión do venres 24 e quedaban moi poucas prazas para a xornada do xoves 23.