O Concello de Cerdedo-Cotobade está dando un pasiño máis cara ao coidado do medio ambiente coa campaña 'Separa con xeito! Orgánica ao marrón', coa que se comeza a implantación do contedor marrón destinado aos grandes xeradores de residuos orgánicos. Entre estes destacan os comedores escolares dos centros educativos e das escolas infantís do municipio. Como parte desta iniciativa, organizáronse catro xornadas informativas nos centros CEIP Tenorio, CEIP Carballedo, CEIP Cerdedo e IES Cotobade, dirixidas ao alumnado de Primaria e ESO. O obxectivo principal foi concienciar sobre a importancia de separar correctamente os residuos orgánicos para facilitar o seu compostaxe e contribuír a un menor impacto ambiental. Durante as sesións, ademais de explicar como usar o contedor marrón, falouse da relevancia de asumir unha responsabilidade individual e colectiva na xestión sostible dos residuos. Os rapaces aprenderon que, con pequenos xestos como separar o lixo correctamente, poden axudar a construír un futuro máis respectuoso co medio ambiente. O alcalde, Jorge Cubela, subliñou que "é fundamental" que as novas xeracións entendan desde pequenas o valor de coidar o noso entorno, "porque accións sinxelas poden ter un gran impacto positivo". Tamén destacou que esta campaña é un paso máis cara a un modelo de xestión máis sostible, onde a educación ambiental xoga un papel clave. Con esta proposta, o Concello busca fomentar unha mocidade máis comprometida co coidado do territorio e a redución da pegada ecolóxica. As actividades foron organizadas polo Servizo Municipal de Medio Ambiente, coa colaboración da empresa SIHAHO, e contaron co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, así como co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.