Aínda que con certo retraso, as obras de rehabilitación do antigo conservatorio e das oficinas municipais de Churruchaos seguen avanzando e estarán listas antes da data límite para poder executalas, marzo de 2026, como marcan os fondos europeos NextGenerationEU. Ambas as dúas actuacións, incluídas dentro do programa de impulso á rehabilitación dos edificios públicos (PIREP), xestionado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, teñen un "alto grao" de execución, destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Temos prazo ata marzo para rematar as obras, por lo tanto, en principio, vanse a acabar as obras en prazo. Se se poden adiantar, adiantaranse", detallou o alcalde. Foi durante a visita que realizou, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e diversas autoridades municipais, para repasar a situación actual destes traballos. Durante o percorrido pola sede municipal de Churruchaos, Fernández Lores subliñou que se trata dunha obra de "complexidade grande", xa que estas oficinas municipais ocupan o que antigamente eran dúas vivendas particulares. Visita ás obras de rehabilitación do antigo conservatorioConcello de Pontevedra O proxecto, que conta cun investimento próximo aos 1.300.000 euros, está a rehabilitar e reformar de xeito integral 800 metros cadrados a través dun baixo e tres andares. Entre os puntos máis importantes desta obra estarían os de dotalo de accesibilidade universal, climatización e unha mellora substancial do illamento exterior. O uso futuro deste edificio seguirá ligado a oficinas municipais, "dependendo das necesidades administrativas que teña o Concello", avanzou o alcalde pontevedrés ao remate da visita. Pola súa banda, as obras no antigo conservatorio teñen unha complexidade aínda maior, ao ser un edificio "moito máis grande", que conta cunha superficie de 1.600 metros cadrados repartidos entre oito andares, sete plantas e un soto. O custe da actuación sitúase nos 1.600.000 euros e agarda ser un lugar de encontro para actividades relacionadas coa cultura, a empresa e a creatividade. Ademais, o Seminario Permanente de Jazz será un dos seus primeiros usuarios e ocupará o soto destas renovadas instalacións, recordou Fernández Lores, que terán dispoñibles uns 150 metros cadrados útiles por cada planta. O baixo será a zona de recepción e contará cunha área de exposicións. A planta máis alta, pola contra, poderá acoller residencias temporais de artistas que estean realizando actividades creativas ou relacionadas coa universidade na cidade. Visita ás obras de rehabilitación do edificio de ChurruchaosConcello de Pontevedra O delegado do Goberno en Galicia, tras comprobar o avance dos traballos, recordou que o 80% do investimento total das obras corre a cargo dos fondos europeos concedidos polo executivo central "para mellorar a vida da xente" de Pontevedra. O PIREP, destacou Blanco, está a ser un "éxito rotundo" pola súa dimensión social e polo seu apoiou ao municipalismo galego. "Estamos moi satisfeitos de como van as obras e de como van a quedar estes edificios", sentenciou o delegado, porque "son actuacións que fan unha Pontevedra mellor".