Tan só catro meses despois da última gran operación da Garda Civil de Tráfico para erradicar as carreiras ilegais no polígono industrial do Campiño, hai constancia de que regresaron e o pasado fin de semana foron identificados dous condutores temerarios. Analizamos co sarxento Jorge García Yáñez, do subsector de Tráfico de Pontevedra, a situación actual e posibles solucións. As carreiras ilegais no Campiño levan anos enraizadas. Hai épocas nas que parecen erradicadas, pero sempre volven. Por que? Porque o polígono do Campiño ten unhas particularidades que o diferencian dos demais. Non ten un control de videovigilancia como teñen outros. Está nunha zona próxima a Pontevedra e, ao mesmo tempo, suficientemente afastada como para non chamar moito a atención, é unha zona bastante illada. E a estrada préstase para facer ese tipo de exhibicións. Hai outros polígonos onde tamén realizan ese tipo de manobras, pero non dunha forma tan constante e permanente como O Campiño. Despois da operación que fixeron antes do verán, chegaron a erradicarse? Si, practicamente a actividade parouse e agora, polo que vimos, retomaron a actividade e estase investigando. Púxose en marcha a operación Platillo, cun equipo multidisciplinar e medios específicos. Continua activa? A operación Platillo, en realidade, é unha investigación que temos aberta permanentemente destinada a controlar ese tipo de actividades ilícitas e que son perigosas para a circulación. Está centrada, sobre todo, no Campiño, porque é o polígono onde temos unha actividade máis reiterada, pero non deixamos de traballar nela. Segue funcionando. Que ocorre? Que, como sufriu o parón como consecuencia das informacións que saíron na prensa -imaxino que se viron vixiados e pararon un pouco esa actividade-, non era necesario estar alí cando non había xente. Son realmente perigosas? Porque hai quen di que son só un entretemento. Son perigosas e, de feito, vimos nalgún medio de prensa esta fin de semana que se produciu un sinistro nunha desas manobras. Hai unha chea de peóns nas inmediacións da vía, onde os vehículos fan manobras totalmente antirregulamentarias e sen ningún tipo de elemento de protección nin de ningún outro tipo, e son perigosas, son moi perigosas. Os condutores normalmente non son expertos nin xente que estea habilitada para correr en rallies nin ese tipo de probas deportivas, co cal, o perigo existe sempre. Si calquera conduta que vemos nas redes sociais ou nos vídeos deses vehículos a vemos nunha rúa de Pontevedra ou de calquera outra vía, calquera persoa que non entenda moito de seguridade viaria sabe que son perigosas. Para quen son máis perigosas? Para os condutores ou para os espectadores? Obviamente, para os espectadores, pero tamén para os condutores porque ás veces van a velocidades moi altas. Na que vimos este fin de semana, dous vehículos chocan entre si cun raspado negativo e un deles sáese da vía, onde había moitos peóns; dá contra un farol; o farol cae e unha árbore que para a caída do farol, pero debaixo había seis persoas. Podían sufrir lesións moi graves. Pese ao perigo, nesta ocasión, tivemos moita sorte, pero podía ser outra cousa. Jorge García, sarxento do Subsector de Tráfico da Garda CivilPontevedraViva Neste caso, tamén se expande ás inmediacións, á vía que vai cara a Marcón. Realmente os veciños teñen motivos para sentir perigo? A zona témola hipervixiada, todas as fins de semana temos patrullas despregadas, nunca deixamos de controlar a zona. Nas inmediacións, non hai un risco maior que noutras zonas. A zona perigosa, para nós, é o polígono, porque non pode haber un control absoluto e permanente aí, pero nas inmediacións si que hai control e moito. Aí poden estar coa mesma tranquilidade que pode estar unha persoa de calquera outra parte. En resumo, que hai posibilidade de que poida haber calquera sinistro, pero non máis que noutras zonas. Non. E, de feito, a estatística témola aí. Non hai unha sinistralidade maior nas vías que están inmediatamente pegadas ao polígono que noutras vías. Co cal, creo que non debe haber unha alarma social con respecto a iso. "Non hai unha sinistralidade maior nas vías que están inmediatamente pegadas ao polígono. Non debe haber alarma social" En xuño falaban oficialmente de 96 denuncias. Que lle pode pasar a un condutor denunciado por este tipo de condutas? Habería que diferenciar a vía administrativa e o penal. Si a conduta é administrativa, unha condución temeraria, a sanción sería de 500 euros e seis puntos de detracción. Si é unha condución neglixente, serían 200 euros. Pero se é un delito, estamos a falar xa de penas de prisión e de suspensión temporal do permiso de conducir por un tempo superior a 1 ano. Depende da gravidade e do que estipule daquela o xulgado. O subdelegado do Goberno comentou en xuño que a diferenza entre estas e as que se fan noutros polígonos é que estas eran máis espontáneas e as outra, máis organizadas. Con todo, costa crer que tanta xente sexa espontánea. Si, é así. O polígono do Campiño non require un reclamo de ningún tipo, porque todos os venres van a esa hora sistematicamente. Eles saben que van alí e hai xente. Con todo, hai outros polígonos onde de forma concertada acordan ir aí a unha hora concreta. Por iso non temos esa reiteración e esa permanencia noutros polígonos. Pódese falar de competicións? De exhibicións? Fixemos dilixencias por competir dous vehículos entre si; co cal si se fai competición. Non podemos aseverar que haxa apostas, nunca o puidemos probar. Agora, carreira si vimos. E detectouse que este tipo de comportamentos leve outras condutas asociadas? Falamos de alcol, de drogas...? Cando facemos controis nas inmediacións detectouse alcol e drogas, pero non é algo sistemático, non todos os que están alí están a consumir. Deuse a circunstancia de que algún condutor que vén de alí deunos positivo. Unha porcentaxe baixa, é certo. Quen participan son mozos aloucados ou condutores expertos? Maioritariamente, novos, rapaces moi novos, con carné recente e que o que basicamente fan é exhibir as súas capacidades. Non son expertos. A xente experta que ten calidades compite a nivel deportivo ou vai a un circuíto, que os hai en Portugal e mesmo aquí en Galicia na zona de Lugo, nunha zona restrinxida para eles. Ademais, os coches non son novos; normalmente xa teñen uns anos e eles mesmos vanos tuneando. Tamén por estas características dos vehículos é máis perigoso? Porque son vehículos que non reúnen as condicións? Iso é outro perigo engadido, claro. Non é que non reúnan as condicións, pero normalmente son coches dunha antigüidade superior a 10, 12, 15 anos e as características técnicas que teñen por construción desa época non son as que teñen agora. Normalmente, documentalmente están ben, teñen seguro e, nese sentido, non podemos dicir que haxa un aumento na actividade infractora. Son condutores normais, pero chegan a ese lugar e fan manobras de exhibición. E todo tipo de vehículos ou hai algún modelo ou algunha marca en especial? Calquera vehículo. Os que máis lle gustan son os que teñen tracción traseira, como pode ser BMW. O que vimos o outro día era un Ford Scorpio con tracción traseira, porque lles permite facer os trompos con maior facilidade. Pero non hai un modelo específico. Estamos a falar de que fai 10,15 anos xa había situacións similares... Si, no 2006, concretamente, no GIAT xa fixeramos dilixencias ao xulgado, investigouse a persoas e puxéronse decenas de denuncias por condución temeraria. Circunstancias parecidas ás de agora, pero fai 19 anos. Osea, que foi evolucionando. O Campiño non tiña unha actividade industrial tan potente como agora, había zonas boscosas mesmo próximas onde fan as manobras e agora está máis urbanizado, pero historicamente xa había. Entendo que non son os mesmos condutores. Non, non, para nada. Ou, polo menos, do que identificamos até agora, non ten nada que ver con aquilo. Vai pasando de xeración en xeración? Sempre é xente nova. Imaxino que a medida que van madurando, van perdendo o interese por ese tipo de actividades. Chegan a concentrarse alí centos de persoas. Son da zona, veñen de moi lonxe? Desde toda a provincia. Identificamos xente de Vigo, de Redondela, mesmo da zona de Coruña ou portugueses. Hai un perfil de espectador? Non sabería dicirlle porque a maioría da xente non vai competir nin a facer nada. A maioría da xente vai ver. O 90% dos que están alí están a observar, están a pasar un intre cos seus amigos. Sempre hai algún que se exhibe, pero que a maioría da xente vai pasar un bo intre cos seus amigos. E están aí, non se meten con ninguén, non fan ningún dano, o 90%. O perigo para nós é ese outra porcentaxe que aproveita a circunstancia para facer manobras. Hai que ter en conta que esa estrada, a EP004, é certo que ten pouco tráfico, pero comunica A Reigosta con Pontevedra. Normalmente, a xente vén pola PO-532, pero tamén a xente que vive neses pobos poden desprazarse por aí e os venres pasar por aí é un risco. A proba témola neste sábado, saíu un vídeo no que se ve claramente o perigoso que é conducir por aí. Detectaron nalgunha outra zona da provincia comportamentos similares? Polígonos industriais con carreiras, si. Que teñan esta sistemática, non. É dicir, hai polígonos onde si que hai ese tipo de reunións, pero non todos os venres nin todos os sábados. Alí van cando se organizan outra maneira. No Campiño o venres sempre hai xente, pero neses, non. Neses haberá algún sábado que si e logo pasan dous meses que non fan nada e logo volven. Nin tampouco aglutina tanta xente. "Hai máis polígonos na provincia con carreiras ilegais, pero non todos os venres nin todos os sábados como O Campiño" Canta xente chegades a contabilizar? A última vez os compañeiros do equipo Pegaso co dron contabilizaran centos de coches. De persoal non sabería dicir. Pola túa experiencia xa de tantos anos, cal podería ser a solución? Pór un sistema de videovigilancia. Nós estamos aí todos os fins de semana, pero pasa unha patrulla, e, no momento que pasamos, léana. Facer unha manobra perigosa e que poida producir un sinistro grave é cuestión de segundos. E non vai haber unha patrulla permanente aí. Nós temos unha provincia moi grande e bastante conflitiva en materia de seguridade viaria. Non podemos gastar todos os nosos recursos nun punto concreto. Destinades moitos recursos, pero os medios acábanse. Quizá isto está a quitar recursos de poder destinar a mellorar a seguridade viaria noutros sitios? Non, nós dedicamos os esforzos que podemos sen deixar de atender o resto da provincia. Nós temos que vixiar todo e vixiámolo todo. O que pasa é que hai días específicos onde reforzamos con máis persoal; por exemplo, os venres, si teñen que saír catro patrullas, saen oito, porque xa imos destinar ao Campiño uns recursos concretos. Non deixamos de vixiar o resto. Aquí os recursos son limitados como todo na administración, pero son suficientes e destínanse á seguridade viaria. A proba está en que temos os índices de sinistralidade máis baixos de España agora mesmo en canto a mortalidade. Con respecto ao ano pasado, reducimos a sinistralidade moitísimo. É dicir, non hai un detrimento da vixilancia. Comentabas antes que esta fin de semana ao final foi sorte que non pasase nada? Si, este fin de semana foi unha sorpresa. Porque levaban tempo sen facer algo tan grande ou, polo menos, non tiñamos constancia de que se estaban celebrando. E vese que volven. A pesar de ser espontáneo, xuntarse tanta xente nun sitio desa forma implica tamén, aínda que non lle corresponda a tráfico, algún tipo de vulneración da lei de seguridade cidadá? Iso xa ten que preguntarlle á Policía Nacional, que é a encargada da seguridade cidadá nesa zona. O dereito de reunión en España existe, non se pode privar á xente de reunirse. Pódense reunir e, mentres non cometan actos ilícitos, non vulneran ningunha ningunha lei. O que non se pode é reunirse para cometer delitos. Pero non é ese caso. Aí hai catro rapaces que se lles ocorre de súpeto coller o seu coche e facer unha cafrada. Jorge García, sarxento do Subsector de Tráfico da Garda CivilPontevedraViva