A partir desta semana, as parroquias e barrios de Pontevedra volven acoller os obradoiros de memoria que promove a concellería de Benestar Social. Esta iniciativa, que se prolongará ata o mes de decembro, chegará a dez centros sociais municipais distribuídos entre o ámbito rural e urbano. No rural, as actividades terán lugar nos locais sociais de Bora, Marcón, Mourente, Lérez, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela (Lourizán) e Salcedo. Pola súa banda, no casco urbano impartiranse nos centros de Centro Sur, A Parda e San Roque. Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social, destaca que esta proposta "une a aposta do Concello a prol do envellecemento activo coa dinamización social das parroquias". Os obradoiros, organizados en colaboración co espazo Acolle, estrutúranse en sesións semanais de hora e media de duración. O programa está destinado a persoas maiores de 60 anos sen diagnóstico de patoloxías neuro-dexenerativas e combina estimulación cognitiva, desenvolvemento de habilidades memorísticas, comunicación oral, socialización e fortalecemento da identidade comunitaria. Durante as sesións, os participantes aprenderán de forma lúdica técnicas mnemotécnicas sinxelas e prácticas para o día a día, como recordar o contido das listas da compra, citas médicas ou tarefas pendentes. Ademais, realizarán xogos e exercicios deseñados para mellorar a concentración, potenciar as capacidades comunicativas e reforzar os vínculos veciñais. Aínda que cada grupo ten capacidade para 20 persoas, a experiencia previa xa estableceu flexibilidade neste límite. En edicións anteriores, a asistencia oscilou entre os 16 e os 33 participantes, chegando incluso a desdobrarse os grupos para atender toda a demanda, como volve ocorrer este ano na parroquia de Lérez.