Amalia Acuña Calviño xa ten cen anos. Esta coñecida veciña de Marín converteuse esta fin de semana na nova centenaria da vila e, como non podía ser doutro xeito, celebrouno cos seus. É común escoitar o seu apelido como De Muñoz, herdanza da súa estancia en Venezuela, onde o habitual era perder o segundo apelido despois de casarse. Desde moi pequena, dedicouse a impartir costura onde hoxe está o Bar Umia, na Rúa Almuiña. Xunto co seu marido Gabriel, tivo tres fillas: Amalita, Beatriz e Aída. Emigrados a Venezuela, o seu marido traballaba nunha mina de diamantes e ela seguía coa costura, alternando as clases co seu traballo nun taller de moda. Amalia Acuña cumpre cen anos en MarínConcello de Marín Ese foi o xermolo do seu propio atelier, "Confecciones Ambaida", en honra aos nomes das súas tres fillas, e creou a súa propia liña de roupa. Os seus deseños vendíanse en varias boutiques de Caracas. Sempre viaxou ao seu Marín natal, ao que logrou volver pasados os anos, e grazas ao seu traballo, esforzo e adicación converteuse no sostén principal da súa familia. Alegre e sorrinte, vai dous días á semana ás clases de ximnasia do centro social. Vive cunha das súas fillas quen, xunto coa súa neta, está totalmente pendente dela. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, non dubidou en achegarse á súa casa e felicitala por cumprir eses cen anos tan ben levados.