A experiencia turística da carballeira e o xardín botánico de Caldas estará deseñada a final de ano

Wait 5 sec.

Ata final de ano ten de prazo a UTE Atlantic Trivium Caldas para presentar a proposta de experiencia de visita e musealización da carballeira e do xardín botánico de Caldas de Reis. Esa será a "ruta a seguir", segundo destaca o tenente de alcalde, Manuel Fariña, para poñer en valor estes espazos naturais e que estará definida neste documento inicial. A adxudicataria deste contrato, valorado en 44.000 euros máis IVE, deberá ter finalizado o documento definitivo, co seguimento das obras xa rematadas, en marzo de 2026. Fariña apunta que esta primeira fase é de vital importancia para o resultado final do proxecto de rehabilitación, xa que a asistencia técnica marcará as pautas integrais e unitarias que sentarán as bases "conceptuais e técnicas" para o resto das actuacións e obras a realizar Así, deberá garantir a coherencia, coordinación e a continuidade en todos os aspectos da experiencia turística, da musealización e dos contidos culturais deste "museo aberto 24/7". Este traballo inicial será principalmente intelectual e creativo, polo que inclúe un equipo técnico interdisciplinar con coñecementos altamente especializados en museografía, turismo, patrimonio cultural, dereito administrativo e contratación. O grupo creativo está formado por unha persoa coordinadora con estudos universitarios de historia, historia da arte, antropoloxías ou humanidades, un analista, un técnico especialista en produtos turísticos e outro especialista en xestión e asesoramento xurídico. A día de hoxe a asistencia técnica xa ten definidos algúns contratos menores que o Concello irá sacando a contratación proximamente para poñer en marcha a musealización. "O proxecto turístico que imos contratar agora ten unha relevancia estratéxica para o desenvolvemento e o éxito da rehabilitación da carballeira, por iso é importante tanto ser moi esixentes coa súa calidade como rigorosos co calendario", advirte Manuel Fariña. Apunta que calquera atraso na redacción podería comprometer a subvención recibida por Caldas de Reis e supoñer a perda total ou parcial do financiamento, de aí que o goberno local imporá penalizacións que duplican as habituais. Este proxecto de rehabilitación integral da carballeira pretende centrar a experiencia turística das persoas visitantes no goce do conxunto exterior, incluíndo tamén un centro de visitantes que completará o percorrido achegando maior valor engadido. A intención é promover unha boa comunicación dos valores intanxibles do BIC (históricos, naturais, e sociais, entre outros), innovar nos formatos de presentación, e prestar servicios adicionais como atención personalizada ou xestión de grupos. O proxecto 'Xardín botánico e carballeira de Caldas de Reis. Museo aberto 24/7' conta cunha subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria. A axuda debe pagar o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a restauración integral do BIC, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente ou a apertura dun centro de visitantes. Tamén se inclúe o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e a posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.