Madrid e Bruxelas, destinos para as dúas residencias artísticas internacionais de Novos Valores

Wait 5 sec.

O Boletín Oficial da Provincia recolle a convocatoria da nova edición do programa Novos Valores, que permitirá a dous creadores emerxentes da provincia de Pontevedra desenvolver residencias artísticas internacionais durante 2026. Os artistas escollidos realizarán estadías de catro semanas na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, entre febreiro e abril, seguidas de tres meses no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, de abril a xullo. Cada unha das persoas seleccionadas nesta iniciativa da Deputación a través do Museo de Pontevedra recibirá unha bolsa de 9.500 euros para levar a cabo os seus proxectos. Esta proposta repite o formato exitoso da edición anterior, na que Carlos Fer e Andrea Davila Rubio desenvolveron os traballos "Exercicios para colgar unha pintura" e "El cuerpo es tierra que se convierte en jardín al contacto con el agua", que se exhibiron na Bienal de Pontevedra que pechou a semana pasada na sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes. A convocatoria está aberta a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra que acrediten un nivel alto de inglés ou francés. As persoas candidatas deberán presentar un proxecto artístico específico, orixinal e inédito en modalidades como pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica ou vídeo. Os traballos resultantes das residencias mostraranse publicamente na próxima Bienal de Pontevedra, programada para o verán de 2027. Para facer posible esta residencia formativa, a Deputación asinou convenios de colaboración con Madrid Destino e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc, que facilitan os espazos, mentres que a institución provincial achega 19.000 euros e asume os custos de transporte das obras.