Desde este mércores e até o venres máis de 180 centros educativos de toda Galicia teñen previsto visitar o 14º Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, que hoxe abriu as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou na inauguración destacando o potencial desta feira, unha das de maior envergadura e antigüidade. Un lugar no que o alumnado e os docentes contan con "un escaparate onde mostrar orgullosos o magnífico e innovador traballo que se realiza nas aulas galegas día a día", afirmou o conselleiro. Román Rodríguez asegurou que en Edugal "unen as súas forzas os distintos axentes e administracións implicadas na educación" e que tamén son "unha boa mostra da igualdade de oportunidades que ofrece o ensino galego". Son máis de 70 expositores os que están presentes nesta edición de Edugal cunha destacada presenza da Universidade de Vigo que busca achegar ao estudiantado a amplitude da súa oferta formativa coa maior representación de facultades e escolas coa que a institución académica acudiu até a data a este evento. Un total de 22 centros dos tres campus contan neste 2025 cunha caseta propia no evento promovido pola asociación da pequena e mediana empresa Aempe e o Concello de Pontevedra. Aínda que un dos postos que máis chama a atención do estudiantado é o das Forzas Armadas cuxas ofertas de emprego suscitaron gran interese desde o primeiro momento. EDUGAL XIV Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia PontevedraViva Os promotores de Edugal prevén superar ao longo destas tres xornadas os 10.000 asistentes rexistrados en anteriores edicións. Ademais de asesorar aos visitantes, varios destes postos permiten tamén achegarse dunha maneira práctica ás saídas profesionais vinculadas ás diferentes titulacións e ao labor investigador que se desenvolve nos diferentes centros a través de experiencias e de mostras de traballos e materiais. Neste acto inaugural, tamén participaron o presidente da Deputación, Luís López; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; o presidente de Aempe, Jose María Corujo; e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Despois do corte inaugural da cinta, da actuación musical do cuarteto de corda do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e da quenda de intervencións, os representantes políticos percorreron os distintos postos do salón para coñecer a oferta educativa. [galleries:vertical:10768]