O Concello de Barro puxo en marcha a fase de adxudicación do novo contrato que rexerá a explotación do servizo de abastecemento de auga potable no municipio. Por primeira vez este contrato incluirá o abastecemento ao núcleo de San Antoniño e tamén o servizo de saneamento e depuración do polígono Outeda-Curro. "Supón un paso moi importante para garantir un servizo de auga moderno, eficiente e cun mellor mantemento das redes municipais", asegura o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. "Inclúe o abastecemento do núcleo de Santo Antoniño, o que permitirá mellorar a calidade do servizo e responder ás necesidades da veciñanza do núcleo urbano", destacou o rexedor. O contrato ten un valor estimado de 1.301.156,80 euros, IVE incluído, e terá unha duración másxima de cinco anos (catro máis unha posible prórroga dun ano máis). Fernández Abraldes defende que este novo contrato "é froito dun intenso traballo técnico e administrativo, co obxectivo de avanzar cara a unha xestión integral da auga que dea resposta á realidade actual do concello e ás esixencias normativas europeas".