O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, celebrou que a Xunta de Galicia anuncie unha pronta solución aos problemas xurdidos polo parón nas obras de reforma do CEIP San Clemente tras a entrada en concurso de acredores da empresa adxudicataria. Fariña espera que as reparacións de urxencia que prometeu o goberno galego inclúan, como mínimo, o arranxo da calefacción do centro antes da chegada do frío. O responsable municipal aproveitou para instar ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a replicar esa mesma receptividade con respecto á falta de profesorado no centro e a recuperar a terceira unidade de Infantil, reclamada desde hai meses pola dirección e as familias para atender toda a demanda de alumnado. Fariña denunciou que actualmente menos da metade dos baños están habilitados, as canalizacións da calefacción están cortadas e que só se solucionou a falta de luz nas aulas da planta superior. Ademais, criticou que a obra foi paralizada pola empresa adxudicataria, que entrou en concurso de acredores, deixando materiais polos corredores e zonas comúns, o que afecta gravemente ao funcionamento do colexio. "Agradecemos que a Xunta atenda as reclamacións do Concello, pero é sorprendente que, con ese panorama, digan que non se iniciaron realmente as obras senón que eran simplemente actuacións previas", sinalou Fariña, quen demandou unha tramitación áxil para a reforma completa, valorada en 400.000 euros, e non só para as actuacións de emerxencia. O tenente de alcalde pediu ao conselleiro que visite o centro para coñecer en persoa a realidade diaria do CEIP San Clemente, insistindo na necesidade de "recapacitar" sobre a reapertura da terceira unidade de Infantil, elemento crave para o futuro do colexio e as súas familias.