O Concello de Moraña suma 2 millóns de euros en melloras viarias durante o presente mandato tras anunciar a licitación dunha nova actuación nos lugares de Batán, O Castro e Piñeiro, nas parroquias de Rebón e Amil. A obra, financiada co Plan Camiña Rural 2025-2026 da Xunta, require un investimento de 61.285 euros e contempla o acondicionamento integral de dúas pistas municipais que conectan estas tres aldeas. O alcalde, Sito Gómez, visitou os terreos onde se desenvolverá o proxecto. O proceso de contratación xa se está a ultimar. A primeira fase da actuación abrangue o treito entre Batán e O Castro, nun percorrido de 445 metros comprendido entre as estradas provinciais EP-0018 e EP-0503. Os traballos incluirán a limpeza completa de cunetas e a dotación dunha nova capa de aglomerado. A segunda intervención conectará Batán con Piñeiro a través de 765 metros de vía que recibirán limpeza e apertura de cunetas, roza completa, nivelación e compactación da plataforma, ademais da reposición da capa asfáltica en varios treitos. En total, a actuación afectará a case 4.300 metros cadrados de superficie viaria cun prazo de execución de dous meses. Os traballos permitirán corrixir o deterioro do asfaltado existente, subsanar fochancas e mellorar o acceso a diversas parcelas de uso agrícola. Segundo o rexedor, o obxectivo dos 2 millóns de euros alcanzouse mediante a combinación de fondos propios municipais, subvencións doutras administracións e investimentos directos da Xunta na PO-226 e da Deputación no proxecto Mane-Rebón.