No último pleno municipal, celebrado este xoves, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou a existencia dunha praga de pulgas nas inmediacións do Colexio da Inmaculada está a afectar tanto ao alumnado como aos residentes da zona. Segundo o BNG a veciñanza lle trasladou que a orixe do problema estaría nunha colonia de gatos situada nun solar na rúa Méndez Núñez. Esta situación, segundo sosteñen, é consecuencia directa da falta de control e mantemento por parte do Concello de Marín. A concelleira nacionalista Celia García, na súa intervención, pediu ao goberno local que actúe de forma inmediata para poñer freo a esta situación, realizando labores de desinsectación e limpeza, así como un control sanitario axeitado das colonias felinas. A edil advertiu que xa houbo estudantes afectados por picaduras, o que demostra a gravidade do problema e a necesidade de tomar medidas sen máis demora. A nacionalista insistiu en que é urxente que o Concello actúe xa para garantir unhas condicións hixiénicas axeitadas e a seguridade da veciñanza.