Unha intervención rápida e eficaz da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra logrou salvar a vida dun home que sufriu unha parada cardiorrespiratoria mentres viaxaba como pasaxeiro pola autoestrada AP-9, á altura de Vilaboa. Os feitos producíronse o martes 2 de outubro, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Vilaboa recibiu unha chamada de emerxencia. Unha condutora alertaba desde o seu vehículo de que o seu acompañante sufrira unha grave indisposición durante o traxecto. Os axentes desprazáronse inmediatamente ao punto sinalado na AP-9, onde comprobaron a gravidade da situación: o pasaxeiro atopábase inconsciente e sen pulso. Sen perder tempo, reitaron o home do turismo e comezaron as manobras de reanimación cardiopulmonar mentres solicitaban asistencia sanitaria urxente. Tras cinco minutos de intensas manobras de RCP, os gardas civís conseguiron que a vítima recuperase o pulso. Con todo, a situación complicouse cando volveu perdelo, o que obrigou a continuar coas técnicas de reanimación ata a chegada dos servizos médicos. A ambulancia que acudiu ao lugar realizou unha desfibrilación que logrou estabilizar o paciente. Posteriormente, unha unidade medicalizada fíxose cargo do traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde o home permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos.