Este mes de outubro, Cineclube Ádega proponnos unha viaxe moi especial. Non fará falta facer a maleta nin coller estrada xa que desde o Salón García, convídannos a cruzar simbólicamente o Miño para coñecer un recuncho próximo pero fascinante como é o norte de Portugal, con dúas películas que nos transportarán a mundos rurais cheos de maxia, melancolía e humanidade. Será un paseo breve, pero intenso, con dúas paradas: unha no noroeste, en Tras-os-Montes, e outra no nordeste luso. Dous destinos que nos resultarán familiares e, ao mesmo tempo, un pouco exóticos, porque retratan realidades rurais que aos poucos van desaparecendo. A primeira parada será o venres 10 de outubro, 20:30 horas. A aventura comeza con Alma Viva (2022), ópera prima de Cristéle Alves Meira, que nos mergulla nun recuncho rural de Tras-os-Montes cunha mestura de realismo máxico e retrato costumista. Protagonizada por Lúa Michel, filla da directora, esta nena de apenas dez anos convértese no eixo dunha familia rota pola morte dunha parente. Cunha sensibilidade sorprendente, Lúa encarna unha personaxe conciliadora no medio do caos adulto, e faio desde unha mirada profundamente poética e telúrica, cargada de maxia… pero unha maxia moi nosa, moi do norte. Aquí non se trata de buscar referencias en García Márquez ou Borges, senón máis ben en Álvaro Cunqueiro, Wenceslao Fernández Flórez, ou o propio Miguel Torga, escritor trasmontano por excelencia. E a segunda parada será o venres 17 de outubro, 20:30 horas. Unha semana máis tarde, cambiamos de ton coa recente produción española Una quinta portuguesa (2025), dirixida por Avelina Prat. A historia lévanos tras os pasos dun profesor de xeografía devastado pola desaparición da súa esposa. Na súa fuxida cara a adiante, refúxiase en Portugal, onde adopta unha nova identidade para traballar como xardineiro nunha quinta. Alí tenta vivir unha vida que non lle pertence, nun intento desesperado por reinventarse e atopar paz. Ambas as películas comparten algo moi especial: dúas miradas femininas sobre o norte portugués, distintas pero complementarias, que nos convidan a reflexionar sobre a perda, a identidade e o arraigamento. As entradas serán gratuítas para os socios do Cineclube Ádega e terán un custo reducido de 2,5 euros para menores de 30 anos e desempregados e de 4 euros para o resto do público. Ademais, se queredes saber máis sobre as películas, ler contido adicional, deixar a vosa opinión ou mesmo votar ou comentar os filmes, podedes unirvos á súa canle de Telegram Desde Cineclube Ádega lémbrannos o importante que é para eles coñecer a opinión do público: "Queremos saber cando o noso criterio acerta… e cando non, tamén".