O equipo nacional masculino de canoa máis pontevedrés empeza a suar en Verducido

Wait 5 sec.

Volta ao traballo para os grandes nomes do piragüismo galego e español. Os equipos nacionais de piragüismo sprint comezaron esta semana a súa preparación repartidos en diversas sedes ao longo do territorio estatal, pensando xa na tempada 2026. Un deses puntos é o Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido. Alí empezou os adestramentos o equipo español sénior masculino de canoa, cheo de deportistas pontevedreses. Con Melo como adestrador iniciaron o curso deportivo os pontevedreses Pablo Crespo, Martín Jácome e Adrián Sieiro, o cangués Pablo Graña e o arousán Pedro Torrado, aos que se lles une o madrileño Daniel Grijalba. No caso do equipo feminino absoluto feminino de canoa, coa grovense Valeria Oliveira e a pontevedresa Caludia Couto entre as elixidas, iniciaron a súa preparación no Centro Especializado de Alto Rendemento da Cartuxa, en Sevilla. Fixérono xunto a outras padeeiras nacionais como María Corbera, Ana Cantero e Elena Gómez. Trasona en Asturias e Cazalegas, en Toledo, son outras das sedes escollidas pola Real Federación Española de Piragüismo para o inicio do curso dos seus principais equipos nacionais. O Campionato do Mundo previsto en 2026 en Poznan, Polonia, ou a cita Júnior e Sub-23 en Halifax, Canadá, preséntanse como os grandes obxectivos da tempada.