Voces Ocultas: música, arte e inclusión con protagonistas con diversidade funcional

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra presentou a nova etapa de Voces Ocultas, un proxecto que aposta con forza pola inclusión, a formación e a creación artística, onde as persoas con diversidade funcional non son só participantes, senón protagonistas absolutos. Este renovado impulso a Voces Ocultas ten como obxectivo abrir portas no mundo das artes, a música e o audiovisual a persoas con outras capacidades. Será a través dun programa completo de formación e creación, onde a diversidade se converte en talento e a inclusión, en motor de transformación social. O alumnado desta innovadora aula de formación continua sairá dos colectivos de cinco asociacións da comarca: Amencer-Aspace, Amizade, Down Pontevedra-Xuntos, Asociación Xoán XXIII e Virxe da O. Un equipo diverso que traballará en propostas culturais cunha mirada a longo prazo, de polo menos catro anos de percorrido. Detrás do proxecto está Gonzalo Maceira, director e coordinador, quen explicou que Voces Ocultas une creación musical e audiovisual con sensibilización social, con dous alicerces fundamentais. A formación dun grupo musical inclusivo, que buscará actuar en directo e crear o seu propio circuíto de concertos e unha intervención didáctica en institutos, para promover a inclusión e a creatividade a través da música, a tecnoloxía e o contacto directo co proceso creativo. O proxecto non só céntrase no artístico. Tamén abre posibilidades reais de inserción laboral, formando en áreas como produción musical, guion, fotografía, arte plástica e literatura. En palabras de Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social, trátase de romper barreiras e estereotipos, e de demostrar que a industria cultural debe ser tamén un espazo para a inclusión. Voces Ocultas naceu en 2016, pero a pandemia obrigou a interromper o seu desenvolvemento. Hoxe, con máis forza e ambición, regresa para converterse nunha aula onde a arte e a diversidade conviven e poténcianse. Os contidos organizaranse en módulos formativos, sendo o de son e música o eixo central. De aí xurdirá unha agrupación musical pensada para os escenarios, pero tamén para explorar outros campos creativos como bandas sonoras de videoxogos, música para publicidade ou eventos. Ademais, a aula incluirá talleres de artes plásticas en colaboración coa Facultade de Belas Artes e a Asociación Arela, talleres literarios xunto a residencias de maiores e talleres de imaxe e fotografía. Unha parte esencial do proxecto é a elaboración dunha unidade didáctica para centros de Secundaria. O obxectivo é sensibilizar á mocidade sobre a diversidade e ofrecerlles unha experiencia directa co proceso creativo de Voces Ocultas. Mesmo terán a oportunidade de participar no concerto final, previsto para finais de maio ou principios de xuño. O soño vai máis aló da aula, o obxectivo é crear unha rede de empresas, artistas e entidades que apoien, valoren e dean visibilidade ao traballo destas persoas, para que o mundo cultural sexa tamén un espazo profesional para a diversidade funcional. Con Estudo Bonobo á fronte da formación, e colaboracións de artistas como Violeta Mosquera, Fran Barros e Alejandro Alonso, Voces Ocultas consolídase como unha iniciativa transformadora que demostra que a arte pode -e debe- ser un espazo inclusivo, accesible e cheo de oportunidades.