Balance do impacto do regreso da Bienal a Pontevedra: 125.000 espectadores e o aval de case 9 de cada 10 persoas para repetir en 2027

Wait 5 sec.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez salientan os máis 125.000 visitantes que pasaron polas sedes da Bienal ao longo dos 102 días de "explosión cultural" que viviu a provincia de Pontevedra co regreso, despois de 15 anos de ausencia, da Bienal de Arte de Pontevedra. No Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, compareceron López e Domínguez para facer balance da xa clausurada edición número 32 dunha Bienal que foi "un éxito rotundo" e que, segundo as conclusións dun estudo sobre o impacto do evento, conseguiu un notable respaldo por parte da veciñanza de Pontevedra. "Sabemos que o 85% dos pontevedreses apoia a celebración de futuras edicións da Bienal", salientou o mandatario provincial a principal conclusión do informe para adiantar que "a Bienal veu para quedar e que xa estamos a traballar na Bienal de 2027". Unha 33 edición que, segundo informou o presidente, xa está en marcha e activará no vindeiro mes de novembro o proceso de selección para contratar os comisarios da edición do 2027. A boa acollida que tivo cada un dos actos do programa da Bienal referéndanse coas conclusións do estudo encargado pola organización da Bienal para medir o seu impacto. "Pontevedra viviu este verán un auténtico idilio cultural coa vangarda, grazas ao cal que se situou nos mellores mapas da arte", afirmou o presidente Luis López antes de enumerar as conclusións dun informe que revela que a veciñanza de Pontevedra cualifica a Bienal e o seu impacto na cidade cun notable alto e máis dun terzo das persoas enquisadas danlle un sobresaínte ou matrícula de honra. O potencial do evento para promover a arte e a proxección que lle dá a cidade fóra das súas fronteiras son dous dos criterios máis destacados nunha enquisa que desvela tamén que, malia ter desaparecido do mapa durante 15 anos, o 70 % da poboación afirma coñecer a Bienal e mesmo a recomendan aos seus familiares e amigos cunha nota de oito sobre dez. Intervención de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra Os datos cuantitativos de cada unha das áreas do programa da Bienal deunos a coñecer o vicepresidente Rafa Domínguez. Así, o novidoso ciclo de artes vivas que levou a Bienal por distintos concellos da provincia reuniu un total de 1.906 asistentes; o ciclo de proxeccións "Cine, Arte e Guerra", contou con 157 espectadores; as Conversas con Artistas congregaron 398 persoas e as 75 visitas guiadas realizadas achegaron á Bienal a 1.718 asistentes. Así mesmo, os obradoiros e actividades educativas sumaron 293 participantes. "Este proxecto convértese no maior evento cultural que se ten organizado nunca en Pontevedra". Cifras que reflicten algo máis ca un balance de visitantes ao falar de actividade económica, de movemento hostaleiro e comercial; e dunha cidade que volveu ser destino para milleiros de persoas atraídas pola arte e pola cultura contemporánea, salientou o responsable do Museo de Pontevedra. Un regreso triunfal da Bienal que tanto López como Domínguez atribúen a todas as persoas que formaron parte da organización e celebración da Bienal. "Este éxito rotundo da Bienal ten moitos pais. Pais artísticos, os comisarios Antón Sobral, Antón Castro xunto con Agar Ledo, así como todos os que aceptaron participar nesta Bienal. Pais organizativos, a directora e todo o equipo técnico do Museo que fixeron un esforzo administrativo sen precedentes. Pais institucionais, concellos e Xunta de Galicia; e aquí debo volver a referirme a Rafa Domínguez, porque sen el non habería Bienal. E en xeral, a cada un dos 125.000 visitantes que pasaron polas sedes da Bienal", enumerou o presidente. Neste sentido, Domínguez fixo tamén fincapé no prestixio do elenco de artistas que participaron neste regreso da Bienal e que, despois de parar en Pontevedra, ven como a súa carreira artística segue tomando impulso. "A Bienal non so cambia Pontevedra senón que tamén cambia a vida dos artistas que participan nela", salienta. Intervención de Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra O mellor momento do Museo de Pontevedra Nun contexto internacional marcado polos conflitos bélicos, a sensibilidade dos organizadores da Bienal para centrar o seu contido nas guerras co lema "Volver ser humanos ante a dor dos demais" foi tamén motivo de recoñecemento. "O Museo de Pontevedra, baixo o liderado de Rafa Domínguez, está a vivir un dos mellores tempos da súa historia recente. Non só está a brillar como fervedoiro cultural e artístico desde Pontevedra para toda Galicia e para toda España, senón que está a demostrar, desde a arte, a súa sensibilidade e oportunidade cos debates máis cruciais deste momento", dixo o presidente. "Nun mundo no que a tecnoloxía e a intelixencia artificial ameaza con cambialo todo, "A era das fábulas", ata o momento a exposición máis vista do museo, fíxonos reflexionar sobre a intelixencia natural da nosa sociedade; nun mundo que xira en torno ao sufrimento dos conflitos bélicos, "A derradeira lección do mestre", obra cume de Castelao, virá da Arxentina para lembrarnos o que pasou aquí e instar a que non volva suceder nunca máis; e nun mundo onde ata os dereitos humanos máis básicos están a ser atacados cunha violencia inédita ata hai pouco, a Bienal de Pontevedra regresou para enviar unha mensaxe internacional de paz", defendeu López. "A través da mirada dos artistas, moitos deles procedentes de países en conflito, a Bienal converteuse nun espazo de reflexión, de memoria e de denuncia. Pero tamén nun lugar para a esperanza e para a defensa do que nos fai humanos. Desde Pontevedra, enviamos ao mundo unha mensaxe clara: a cultura e a arte poden e deben ser tamén unha forma de compromiso político e moral fronte á inxustiza", engadiu Domínguez. Acto de peche da Bienal de Pontevedra Deputación de Pontevedra O presidente e vicepresidentes provinciais remataron o seu balance, no que tamén participou a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, insistindo en que o regreso da Bienal non foi un capítulo illado. "Esta Bienal non é un punto final, é o comezo dunha nova etapa. Un modelo consolidado, que funcionou, que tivo resposta e que agora debe seguir medrando. O obxectivo é mellorar o que faga falta e consolidar á Bienal como un dos grandes referentes culturais de Galicia e de España, porque esta edición demostrou que Pontevedra é capaz de organizar un proxecto á altura das grandes capitais culturais, e de facelo coa súa propia identidade", concluíu Rafa Domínguez. "El éxito de esta Bienal quedará pequeño cuando hagamos balance de la Bienal de 2027", rematou o presidente Luis López.