Madrugón por unhas vacacións merecidas: os maiores de Pontevedra enchen as axencias polas viaxes do Imserso

Wait 5 sec.

Este xoves, Pontevedra amenceu con longas colas nas portas das axencias de viaxes. Desde ben cedo, centenares de veciños maiores de 65 anos esperaban a súa quenda para asegurarse unha praza nas cobizadas viaxes do Imserso. É unha escena que se repite cada ano, porque o desexo de seguir descubrindo o mundo non entende de engurras nin datas de nacemento. Aínda que hoxe en día moitas xestións pódense facer cun par de clics, aínda hai quen prefire a seguridade da cara a cara, o trato humano e a satisfacción de saír da axencia coa viaxe en man. Para eles, a espera paga a pena. Desde o mércores, os pontevedreses poden acceder ao sistema de reservas, que este ano chega con importantes novidades: unha tarifa plana de 50 euros para pensionistas con menos recursos e a posibilidade de viaxar con mascotas. Cambios pensados para responder aos novos tempos e fomentar un envellecemento activo, con máis destinos e opcións de lecer adaptadas aos seus gustos e necesidades. O calendario de reservas graduouse por comunidades autónomas para evitar colapsos, xa que este ano hai máis de 4,6 millóns de persoas acreditadas no programa. As prazas —un total de 879.213— repártense entre costas peninsulares, illas e escapadas culturais. O proceso de adxudicación ten en conta distintos factores: a renda, a discapacidade ou sii son usuarios habituais. De feito, quen reserve máis dunha viaxe terá que abonar un pequeno suplemento a partir do segundo. En apenas unhas horas desde a apertura do sistema, moitos destinos quedaron completamente esgotados. Especialmente as viaxes ás illas Canarias, que voan —literalmente— entre os viaxeiros sénior. Segundo datos de Mundicolor, a empresa que xestiona os paquetes a Canarias e Baleares, as opcións con voo a Tenerife e Gran Canaria desapareceron en tempo récord. Aínda quedaban algunhas prazas en Forteventura e A Palma, aínda que só para quen viaxe pola súa conta. E non só as illas están de moda. Tamén os circuítos culturais e varias zonas de costa peninsular, sobre todo para primavera —a tempada favorita de moitos—, enchéronse a gran velocidade. Ás 9 en punto abríase o sistema e, antes de que moitos terminasen o café, xa non quedaba nada. A cola nalgunhas axencias pontevedresas empezou as seis e media da madrugada. Os destinos máis desexados: Tenerife, Benidorm, Mallorca ou Forteventura, desapareceron nun amén e deron paso ás queixas: que si hai poucas quendas, demasiadas solicitudes e unha sensación de desigualdade entre comunidades. Aínda que tamén había xubilados satisfeitos que aseguraban que o destino non importa, o mellor é poder seguir viaxando. Unha vez máis, os maiores de Pontevedra deixaron claro que a ilusión por viaxar non se xubila. Porque a vida non se mide só en anos, senón en destinos por descubrir.