O Bloque Nacionalista Galego presentou este xoves na Deputación de Pontevedra as 2.256 sinaturas recollidas durante a primeira semana da súa campaña para solicitar a exclusión de Israel de toda clase de competicións deportivas e culturais. A responsábel local do BNG, Sabela Bará, acompañada pola responsábel comarcal Ana Peralba e as concelleiras Anabel Gulías e Eva Vilaverde, fixo entrega das sinaturas que tamén foron remitidas ao concello de Pontevedra, ao Consejo Superior de Deportes e ás Federacións españolas de Triatlon e Natación. A iniciativa anunciouse publicamente o 26 de setembro e comezou o lunes 29 cunha mesa no campus universitario, seguida doutras na praza da Peregrina e na praza do Hospital. Bará cualificou de "éxito rotundo" a recollida e mostrou o seu "orgullo como veciña" pola resposta cidadá. Segundo a dirixente nacionalista, as sinaturas "manifestan claramente a dignidade, a humanidade e a solidariedade dos nosos veciños e veciñas" co pobo palestino. O texto da campaña reclama que se apliquen as mesmas medidas adoptadas contra Rusia e Bielorrusia, solicitando "a exclusión da bandeira de Israel das competicións internacionais" polo que considera "xenocidio e limpeza étnica" en Palestina. A iniciativa fai referencia ao acordo aprobado polo Pleno do Concello de Pontevedra de non acoller eventos nos que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou sexan financiadas por el.