O Concello de Pontevedra presentou este venres unha nova marca cidade baixo o lema "Responsábeis. Pontevedra, máis para vivir mellor", unha campaña de comunicación que nace para substituír a "Efecto PO2" e que pretende ser un "chamamento" á corresponsabilidade de toda a cidadanía, empresas e institucións para avanzar nun proxecto de cidade máis sostible, xusto e solidario. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou durante a presentación no vestíbulo da Casa Consistorial que esta iniciativa se enmarca no esforzo do goberno local por "modernizar a comunicación institucional", seguindo a estela doutras campañas como "Capital de futuro" ou a propia "Efecto PO2", centrada na loita contra o cambio climático. "Desde hai certo tempo, xurdiu a idea de substituír esta campaña con outra alternativa, entroncando o cambio climático con novos obxectivos", sinalou Lores. A nova marca, desenvolvida en colaboración coa axencia Era Comunicación, xorde como un reto para "crear unha marca que una ás persoas co valor" dun "compromiso compartido necesario para participar nun proxecto colectivo". A palabra "Responsábeis" define, segundo o rexedor, o que a comunidade necesita ser: "compromiso, solidariedade co noso Concello". Presentación da campaña "Responsábeis" do Concello de PontevedraCristina Saiz O símbolo gráfico escollido é unha folla, que "simboliza a igualdade e a vida, todas son diferentes e conectadas ao mesmo chan, parte da mesma natureza e da cidade", acompañada dunha gama de verdes que transmiten "vida e sustentabilidade". PROXECTO DE FUTURO Fernández Lores destacou que a marca é "unha dirección na que traballar", un conxunto de accións para "mellorar o presente e o futuro" da cidade. O Concello fai unha "chamada a toda a veciñanza, empresas, entidades, institucións con actividade en Pontevedra para que asuman como seus" estes obxectivos. "Só pode avanzarse co compromiso de todas as persoas e axentes sociais", afirmou de xeito contundente. O primeiro edil relacionou este esforzo co "exercicio pleno dos dereitos" nun "ambiente natural, san, nunha sociedade xusta". "Para iso é fundamental que sexamos colectivamente responsables", engadiu, facendo un "chamamento a exercer todos as responsabilidades dunha Pontevedra mellor". A marca "Responsábeis" estará presente en "toda a actividade municipal" e aspira a ser unha "marca cidade" que afecte a "todos os aspectos da vida en sociedade". Lores mostrou o seu orgullo por que "plantexas retos e a sociedade responde de maneira excepcional", un feito que, dixo, é habitual durante as súas participacións no Congreso das Cidades que Camiñan, que presidirá nos vindeiros días: "Preguntan: 'como o fixestes?'. Porque tiñamos un proxecto para esta cidade e porque había unha sociedade que respondeu en beneficio da calidade de vida", relatou. COMPROMISOS CONCRETOS O alcalde foi claro ao afirmar que "as cidades que son contaminantes e non teñen espazo público causan mortes" e que, fronte a iso, moitos gobernos "por medo non toman decisións" para afirmar que "Pontevedra responde moi ben" ás fórmulas de mellora da cidade. A campaña concretarase nun "decálogo de compromisos" que inclúe esforzos cotiáns e globais. "Cales son os esforzos?: que non se gaste a auga estupidamente, que é un recurso finito; que se non é imprescindible usar o coche, que non se utilice; que separen residuos; deixar de consumir enerxía inultimente; mercar produtos de proximidade; pedir que remate o xenocidio no mundo…", enumerou Lores, para concluir que "é un proxecto que engloba moitísimas cousas para que a sociedade avance de maneira colectiva". A iniciativa, subliñou, é de futuro: "deixar unha cidade mellor aos nosos fillos e aos nosos netos". O alcalde mostrouse "encantado e orgulloso desta proposta, que é algo que suma e invita a xente a participar porque se sente copartícipe". Coa marca "Responsábeis", o goberno local pretende invitar de maneira explícita a toda a cidadanía para ser parte activa desta campaña. [galleries:vertical:10771]