O Máis Provincia 2025 impulsa o emprego en 36 municipios coa contratación de 659 persoas

Wait 5 sec.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, fixo balance dos resultados que está a deixar o Plan Máis Provincia 2025, en especial no que se refire á creación de emprego. Esta iniciativa, financiada con fondos propios, está pensada para apoiar aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia en obras e servizos municipais. Das catro liñas que conforman o plan, unha está centrada na contratación de persoal e conta cun investimento de 8,2 millóns de euros. Segundo confirmou López, esta liña xa foi totalmente adxudicada, o que permitiu que 36 municipios puidesen contratar a 659 persoas en situación de desemprego. Desde concellos pequenos como Dozón, que contratou a 3 persoas, até outros como Vilagarcía de Arousa, que chegou a 33 contratacións, "este plan demostrou ser unha ferramenta moi eficaz", destacou o presidente. As novas incorporacións reforzaron áreas moi diversas e necesarias nos municipios. Desde persoal administrativo, traballadores sociais ou auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar, até técnicos de turismo, socorristas, operarios de saneamento e recollida de residuos, mantemento de obras públicas, limpeza viaria, xardinaría, bibliotecas, cultura ou medio ambiente. "En definitiva, o Plan Máis Provincia é unha ferramenta de tremenda utilidade para os concellos", destacou Luís López sinalando que este programa dirixido aos concellos "non só achega investimentos e a posibilidade de e afrontar gasto corrente", senón que tamén dota "de algo tan imprescindible" como son traballadores "fundamentais para garantir que a cidadanía teña uns mellores servizos", subliñou Luís López.