A Xunta e o Concello de Soutomaior avanzan na transferencia da PO-264

Wait 5 sec.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo Sobral mantiveron este venres unha reunión de traballo. No encontro, que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Vigo, tamén participaron a delegada, Ana Ortiz, e o director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González. A conselleira e o rexedor abordaron actuacións de infraestruturas de interese no municipio, e neste eido, avanzaron na transferencia da titularidade da estrada autonómica PO-264 ao Concello. Isto levará aparelladas actuacións de transformación urbana. Manu Lourenzo destacou a boa sintonía na que transcorreu a reunión e tamén a "boa disposición e entendemento" entre as administracións. Neste sentido o alcalde agradeceu a franqueza e traballo realizado e instáronse, Concello e Xunta, a continuar traballando neste asunto coa máxima celeridade. O alcalde ten claro que con esta transferencia o núcleo urbano de Arcade converterase nun "espazo amable que axudará á convivencia das veciñanza e comercio e hostalería na zona". Dende o goberno local de Soutomaior están seguros de que esta transformación vai a mellorar a calidade de vida da veciñanza.