O Concello de O Grove, co financiamento do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, convoca a II Edición do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei. O galardón, dotado con 1.500 euros, busca honrar a Xosé Luís Rei Núñez, recoñecido polo seu compromiso cívico coa vila e con Galicia, así como polas súas investigacións socioculturais e o seu papel fundamental na recuperación do patrimonio marítimo galego. O premio está aberto a calquera persoa física que presente un traballo inédito e orixinal, en galego, vinculado co patrimonio e a cultura marítima e fluvial, a súa recuperación, ou coa historia e cultura de O Grove e O Salnés. As bases do premio xa se poden consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións, na sede electrónica e na páxina web do Concello de O Grove. O prazo límite para a presentación dos traballos é o 30 de outubro de 2025. Os textos deberán ter unha extensión mínima de 75 páxinas e máxima de 150 páxinas, en formato folio DIN A4, con tipografía Arial de 12 puntos e espazo entre liñas de 1,5. O xurado estará composto por cinco especialistas ou persoas de recoñecido prestixio relacionadas co mundo da cultura marítima galega e/ou historiadores e coñecedores da historia e cultura de O Grove e os Concellos do Salnés. O premio único outorgarase por maioría simple de votos, recoñecendo así a excelencia na investigación e divulgación da cultura marítima e a historia local.