Dez detidos, seis deles en Pontevedra, nun operativo contra o tráfico de cocaína en Arousa

Wait 5 sec.

Polo menos dez persoas foron detidas, seis delas na provincia de Pontevedra, nun operativo contra o tráfico de cocaína que se desenvolveu este mércores na zona de Arousa. Este dispositivo, coordinado polo xulgado de instrución número 4 de Cambados, despregouse por parte da Garda Civil de Pontevedra e a Unidade Central Operativa (UCO) de Madrid, segundo detallou o subdelegado o Goberno, Abel Losada. Por agora, os axentes realizaron once rexistros na provincia pontevedresa, entre eles en diversos inmobles dos municipios de Cambados, Caldas de Reis e Vilanova de Arousa. Nesta operación antidroga están a colaborar axentes da DEA, da Europol e da Policía Judiciária de Portugal, xa que a investigación partiu dun alixo de cocaína incautado no país luso e que tería como destino as Rías Baixas. A droga, que chegou a Portugal desde Sudamérica, foi recollida por un vehículo enviado desde Galicia e que foi interceptado polas autoridades. A unidade canina da Garda Civil, especializada na detección de drogas, e un dos helicópteros do instituto armado tamén se sumaron a estes traballos, nos que están a participar preto de medio centenar de efectivos desde as sete da mañá. De momento non transcenderon máis detalles sobre este operativo. A operación, segundo confirman fontes da investigación, continúa aberta e non se descartan novas detencións.