Este venres 5 de setembro, o Parque Costa Giráldez, en Lourido, encherase de música e bo ambiente cunha cita moi especial. Roi Casal, un dos grandes nomes da música galega actual, ofrecerá un concerto gratuíto a partir das 21:00 horas. O artista pontevedrés presentará o seu espectáculo "Ambos Mundos", unha viaxe musical que une os seus últimos temas gravados en Estados Unidos con algúns dos seus grandes éxitos. A súa proposta fusiona ritmos latinos e sons pop coas raíces máis profundas da música galega, nun formato pensado para emocionar e conectar co público de todas as idades. Antes da súa actuación, o ambiente xa estará ben caldeado grazas a Máis Cantos, que subirá ao escenario coas súas cantigas de taberna e melodías populares, perfectas para arrancar a velada con alegría. Este evento forma parte da programación cultural que o Concello de Poio impulsa ao longo do ano, coa colaboración da Xunta de Galicia e as asociacións veciñais de Lourido e San Salvador. O alcalde, Angel Moldes, subliñou que esta iniciativa "forma parte do noso compromiso por dinamizar as nosas rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo propostas culturais accesibles tanto para os veciños como para quen nos visitan". Presentación do concerto de Roi Casal Concello de Poio