Rouban a potabilizadora de Vilaboa, deixando sen auga a 320 veciños e entidades públicas

Wait 5 sec.

As instalacións da Comunidade da Traída de Augas de Vilaboa sufriron nesta madrugada do mércores un brutal roubo e acto vandálico que deixou sen equipo de potabilización a 104 vivendas e 320 persoas, ademais de varias entidades públicas. O Concello de Vilaboa solicita a colaboración cidadá para esclarecer os feitos e recomenda á veciñanza non consumir auga da billa ata que se poida garantir a súa calidade. A alarma da Comunidade da Traída de Augas saltou á 1:42 minutos da madrugada. Ás 6:00 da mañá, o responsable de mantemento comprobou os danos: as instalacións foran forzadas e faltaban os paneis solares que proporcionaban enerxía ao equipo de cloración, así como as baterías e os complementos reactivos necesarios. O roubo afecta directamente a veciñanza do Toural, Casanova, Cabadachán, Cruceiro, Cañoteira, Outeiro do Gato e O Picho, que non deben consumir auga da traída ata novo aviso. Ademais, varias entidades públicas como o Centro de Saúde, o cemiterio, o CEIP O Toural, a Escola Infantil Galiña Azul, a Oficina de Correos e Protección Civil tamén quedaron sen auga apta para o consumo. Montse Martínez, presidenta da Traída de Augas de Vilaboa, valora o material roubado en máis de 5.000 euros, aos que hai que sumar os danos causados nas propias instalacións, onde se forzaron cerraduras e se romperon os peches perimetrais. A Garda Civil xa está a investigar os feitos. Danos causados nas instalacións da Comunidade da Traída de Augas de VilaboaConcello de Vilaboa O alcalde César Poza solicita a colaboración cidadá: "Se alguén escoitou ou viu algo que poida contribuír á labor de investigación que está a desenvolver a Garda Civil, agradecemos que o comunique". Así mesmo, reiterou o chamamento á poboación: "evite o consumo da auga dos grifos ata novo aviso, xa que sen potabilizar non se pode garantir a súa calidade". A Traída de Augas de Vilaboa abastécese de 7 mananciais e foi fundada por un grupo de veciños en 1951. O sistema, que evolucionou cara a unha rede actual que aposta pola sustentabilidade e a dixitalización, viuse gravemente afectado por este acto vandálico. Cables cortados da potabilizadora en VilaboaConcello de Vilaboa