Bares e cafetarías disparan a súa recadación: 32 xa facturan máis dun millón de euros

Wait 5 sec.

As promotoras inmobiliarias seguen sendo os negocios que, no seu conxunto, parecen xerar máis ingresos en Pontevedra. Pero no último ano, o crecemento da restauración, incluídos bares, cafetarías e restaurantes, foi máis que notable. Así se desprende do padrón das empresas que deberán pagar o imposto de actividades económicas (IAE), é dicir, que facturan máis dun millón de euros anuais. Até 43 compañías do sector inmobiliario pasan ese nivel. Son, iso si, dúas menos que en 2024. Pero non son as únicas empresas relacionadas co ladrillo en facelo. As construtoras especializadas en restaurar e conservar inmobles que deberán pagar o IAE son 27, sendo a cuarta actividade máis numerosa, e a elas súmanse construtoras de obra civil (11) e, xa por baixo da decena, distribuidores de materiais ou albanelarías. Pero o sector que máis creceu, con oito negocios máis superando o millón de euros en facturación, foron os bares e cafetarías. Son xa a segunda actividade máis lucrativa, segundo os parámetros deste imposto, con 32 establecementos. Os restaurantes, pola súa banda, tamén creceron e pasaron de dez a trece. O terceiro posto neste selecto ranking ocúpano as tendas de roupa (31), mentres que os talleres de reparación de coches e os supermercados, ambos con 26, comparten a quinta praza. Moi preto quedan o sector da banca, onde se viran 25 recibos, os mesmos que entre as panadarías e pastelarías; os denominados servizos de apoio a empresas como asesorías ou servizos dixitais, que son 23; ou instaladores eléctricos (19). As principais actividades na cidade complétanse con tendas de electrodomésticos (18), servizos sanitarios (16), tendas de calzado (16) ou mueblerías (15). E a lista segue até completar as 231 actividades distintas nas que hai, polo menos, unha empresa que facturan máis dun millón de euros cada ano. Todos estes datos extráense do padrón do IAE, que estas empresas, un total de 1.116, poderán pagar de forma voluntaria até o 20 de novembro. Se non o abonan para esa data, pasaranse ao cobro por vía executiva. O Concello recadará 2,24 millóns de euros por este imposto, case un 2% máis que o ano anterior. A este diñeiro sumaranse case 166.000 euros máis en 171 liquidacións.