Marín estudará externalizar a limpeza viaria para garantir rúas "máis coidadas e limpas"

Wait 5 sec.

Cun municipio cada vez máis grande e con máis eventos, a Marín cústalle que as súas rúas estean sempre en boas condicións. De aí que Concello queira estudar a externalización do servizo de limpeza viaria, que nestes momentos fan as brigadas municipais. Isto non suporía "baixo ningún concepto", aclaran desde o goberno municipal, desmantelar estas brigadas, senón reorganizalas en función das necesidades do municipio. Nestes momentos, aínda que a brigada de limpeza é municipal, fanse xa contratacións externas para cubrir picos de traballo en momentos concretos do ano polo aumento da actividade e, sobre todo, nos días festivos e fins de semana. O horario do persoal da brigada é de luns a venres de 7:00 a 14:00 horas e só hai dúas persoas para o vaciado de papeleiras os sábados pola mañá. En canto a maquinaria, só hai carros manuais, unha máquina baldeadora e dúas varredoras. Ante esta situación, o Concello destaca que a limpeza nas fins de semana faise con horas extras e resulta imprescindible, por descanso e conciliación do persoal municipal, contratar as limpezas dos sábados e domingos, dos festivos do verán, da Semana ou do Nadal. Ademais, tamén se contrata apoio extra en todos os eventos que se fan ao longo do ano, entre eles o corpus, a concentración de motos, as Festas do Carme, as Festas de Seixo, a Festa Corsaria, as Festas de Loira ou o San Migheleiro. As brigadas teñen que encargarse tamén das limpezas das praias, dos chorreos das rúas ou das rozas en camiños, parcelas e montes municipais, estas últimas coa colaboración de Juan XXIII. O goberno municipal entende que as melloras "son necesarias" no servizo de limpeza, no que cren que hai que abordar medidas estruturais para unha maior operatividade e cobertura "para responder ao aumento do nivel de esixencia e para garantir unhas rúas máis coidadas e limpas". A externalización do servizo permitiría defende o Concello, conseguir unha dotación e unha renovación "constante" de maquinaria actual de última xeración, que se incluiría no servizo e se lle requeriría á empresa adxudicataria. "Isto homologaríanos a outros concellos da provincia onde teñen o servizo externalizado", sosteñen, entre eles Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo ou Poio.