As principais voces do xornalismo cultural galego danse cita no Culturgal da man do Colexio de Xornalistas

Wait 5 sec.

Algunhas das principais voces da información sobre cultura da comunidade daranse cita na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, da man do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O CPXG, o Concello de Pontevedra e o Culturgal organizan o sábado 29 de novembro un encontro de xornalismo cultural. O acceso á xornada é libre e gratuíto e as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario online. Haberá dúas actividades na Sala VIP do Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 11:00 e as 13:00 horas. A mesa redonda 'Presente e futuro do xornalismo cultural' abrirá a xornada coa participación de Marta Gómez, xornalista de RNE e directora do programa Zig Zag da TVG do 2018 ao 2025; Ana G. Liste, xornalista de Praza e Vinte; Tamara Montero, xornalista de La Voz de Galicia; e Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra. Moderará a sesión Iolanda F. Casal, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas. Este encontro reflexionará sobre o percorrido desta temática xornalística como área de especialización informativa: da súa presenza nos medios tradicionais aos novos formatos de comunicación e o seu papel na mediación e prescrición cultural. O programa continuará co debate 'Xornalismo e comunicación cultural: sinerxias e malentendidos', coa participación da xornalista e comunicadora cultural Sandra Carnota; Sonia Díaz, comunicadora cultural e docente e titora de comunicación no CEU en xestión e innovación cultural da USC; Alejandro Espiño, xornalista de PontevedraViva; e Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo. Nesta segunda cita, moderada por Carme D. Prol, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas, profesionais dos medios e da comunicación das entidades e eventos culturais conversarán sobre cal é a relación coas fontes neste ámbito. Estas conversas entre profesionais da información cultural buscan reivindicar a importancia desta área de especialización e fornecer un espazo de reflexión profesional sobre o contexto no que se exerce actualmente.