O pleno celebrado este luns 17 de novembro de 2025 no Concello de Pontevedra pasará a ser recordado, sobre todo, polo punto referente á A-57, polo unanimidade dos tres principais grupos políticos municipais –PP, PSOE e BNG– ao acordar instar ao Goberno central a paralizar a continuidade da autovía ao seu paso por Bora e Xeve. A sesión estivo marcada pola presenza de numerosos veciños e afectados, que exhibiron carteis como "hoxe gañou o sentido común", reflectindo o sentimento de satisfacción compartido tanto polos representantes institucionais como polas plataformas veciñais. María del Carmen Tenorio, portavoz da plataforma contra a A-57, valorou esta decisión plenaria como "moi positiva", salientando o acordo "entre as tres forzas políticas máis importantes do Concello de Pontevedra para rexeitar a continuidade deste proxecto". Subliñou que "non daría servizo á cidadanía, non dá servizo ás parroquias", e puxo como exemplo "o primeiro tramo, que non cumpre, non ten as expectativas postas" no proxecto inicial. Engadiu que se trata dun "paso moi importante" que agora deberá ser trasladado ao Ministerio de Transportes e Mobilidade para que se paralice definitivamente as dúas fases previstas: "que defendan alí para que o Ministerio non siga adiante con este tema". En nome dos afectados, lembrou que "loitamos durante todo este tempo para que entren en razón; é unha cousa importante que se teñan dado conta e que se puxeran de acordo". A moción proposta polo Partido Popular foi defendida polo portavoz Rafa Domínguez, quen destacou que este acordo "es una decisión valiente, justa y que finalizará con años de sufrimiento de muchas familias". Subliñou "vamos dar un paso firme para enterrar politicamente la A-57, que será un mensaje de aliento para muchos vecinos que veían sus parroquias en peligro" y solicita a unión do tramo xa executado ao Polígono do Campiño. Domínguez engadiu "hoy es un gran día para Pontevedra", en referencia á satisfacción polo resultado do pleno e agradecendo a todos, "vecinos y partidos políticos", por traballar xuntos cualificando esta xornada como de "alegría", intervención que foi utilizada posteriormente con ironía por concelleiros socialistas e nacionalistas nas diversas intervencións nas que acusaban ao PP de estar xa "en campaña". Iván Puentes, por parte do grupo municipal socialista, centrou o seu discurso sobre a A-57 no valor do consenso, sinalando que "ese consenso non debe ocultar a realidade", e insistindo en que "para ser valentes hai que selo en todas as circunstancias, non só cando goberna o partido da oposición" reclamando ao PP que esixa á Xunta de Galicia que sexa a encargada de conectar a A-57 co Polígono do Campiño. O portavoz socialista reafirmou o compromiso do grupo municipal: "nós facémolo en contra do que pensan en Madrid, pública e privadamente para que se atenderan as necesidades dos veciños", concluíndo que se trata dun día relevante polo apoio á "demanda real da veciñanza". Tamén César Mosquera (BNG), concelleiro responsable de Infraestruturas do goberno local, na súa intervención, referiuse expresamente á "alegría pola unanimidade", destacando que "hoxe é un día bo porque hai un acordo da corporación". Mosquera quixo que servira de experiencia para o futuro, incidindo na importancia de negociar co Ministerio e corrixir proxectos "que rematan nalgo que non ten nada que ver coa idea inicial", despois de facer un repaso sobre a evolución deste proxecto desde os seus inicios e sinalar que non se fixera caso ás peticións do goberno local "cando petaba na porta" doutras administracións. Á moción popular sumouse unha emenda socialista que reclama ao Ministerio que esta vía continúe polo sur para conectar Pontevedra coa Meseta e tamén unha emenda do BNG que esixe á Xunta de Galicia a mellora de trazado e aumento da capacidade da estrada PO-224 entre Ponte Bora e San Antoniño en Barro para resolver a conexión entre o norte e o leste de Pontevedra. Finalmente, tras as respectivas intervencións e a votación, produciuse o recoñecemento institucional do resultado consensuado e foi certificada, en palabras do PP, a "defunción de la A-57", nunha sala ateigada de público maioritariamente pertencente ás plataformas contrarias ao proxecto. Pleno Municipal no que se rexeitou a continuidade da A-57Cristina Saiz PARQUE EMPRESARIAL DE FRAGAMOREIRA Aprobouse por unanimidade a inclusión dos informes municipais como alegacións ao Plan estruturante do solo empresarial de Fragamoreira no municipio de Poio, que afecta a zonas do Concello de Pontevedra. O concelleiro Alberto Oubiña destacou a necesidade de adecuar o abastecemento, saneamento e infraestrutura ambiental para evitar presións sobre o sistema actual, segundo explicaba na súa intervención. CASA DAS ASOCIACIÓNS A moción do grupo socialista, defendida por Marcos Rey, foi aprobada tamén por unanimidade, acordando rehabilitar a Casa Azul, que ofrece acubillo a diferentes actividades sociais, e convertela nun espazo de referencia para o movemento asociativo, ademais de proxectar a creación dun edificio para dar mellor cobertura ás demandas sociais que presenta a cidade. Demetrio Gómez (BNG) insistiu na importancia da colaboración co tecido social, e Silvia Junco (PP) reclamou unha reforma urxente polas deficiencias do edificio da Casa Azul. Marcos Rey (PSOE) agradeceu o apoio e salientou a necesidade dun proxecto digno e participativo. CREACIÓN DUNHA BIBLIOTECA MUNICIPAL A moción do PP acadou o respaldo do PSOE, mentres o BNG votou en contra, considerando innecesaria a duplicidade de recursos e salientando a importancia da rede xa existente no municipio. Rafa Domínguez argumentou que "é unha obriga legal en cidades de máis de 5.000 habitantes" a creación dunha biblioteca e pediu "un espazo público adaptado a todos". Carme Hermo (PSOE) reclamou unha proposta máis innovadora, incidindo na necesidade de espazos dixitais e de estudo. DINAMIZACIÓN DO COMERCIO O pleno acordou tamén por unanimidade implementar campañas de apoio ao comercio de proximidade, con especial atención ao emprendemento feminino, á formación específica e á revitalización dos baixos comerciais. Yoya Blanco (PSOE) e Anabel Gulias (BNG) destacaron accións como a aceleradora de economía, feiras, congresos e convenios co sector. Silvia Crespo (PP) pediu maior concreción, coordinación coas axudas da Xunta e Deputación e máis protagonismo das asociacións comerciais. MANIFESTO 25N A intervención de Gema Rial Rodríguez, decana do Ilustre Colexio Provincial da Avogacia de Pontevedra, dando lectura ao manifesto con motivo do 25N foi a encargada de iniciar a sesión plenaria onde se fixo un chamamento á intensificar a cultura de igualdade destacando o traballo da avogacía pontevedresa na axuda ás vítimas da violencia machista. [galleries:vertical:10866]